A opacidade e desprezo por parte das direccións, que se negan a abrir un proceso de negociación sobre o impacto laboral da fusión e trasmiten informacións sesgadas e incompletas sobre o mesmo, fan preciso dar un paso adiante polo que temos decidido convocar unha concentración de delegados/as o vindeiro día 22 de xuño na central de Caixanova en Vigo.
Entendemos que a responsabilidade laboral, cando menos, recae sobre a Dirección de Caixanova toda vez que foi Oscar Rodríguez Estrada quen falou en nome de ambas Caixas marcando os criterios na reunión do día 14, de aí que elexíramos a entidade con sede en Vigo. Protestamos ante quen manda.
Din que os excedentes seran 1.200 persoas, pero ao mesmo tempo indicaron que a nova entidade no 2015 terá 5.400 traballadores/as fronte ás 7.800 actuais. Polo camiño perderemos outras 1.200 persoas sen que saibamos onde, cando e como.
As persoas maiores de 55 anos teñen dereito a seguir traballando si o desexan, ter 55 anos non é un delito nin motivo suficiente para ser excluido do mundo laboral. Si as Caixas e o Banco de España queren desfacerse delas para reducir custes para solucionar os problemas creados pola mala xestión duns e a pésima supervisión dos outros, os compañeiros e compañeiras teñen dereito a prexubilarse cunhas condicións dignas pactadas e negociadas. Quen leva anos e anos de servizo na empresa, ao pé do cañon, merece todo o respecto.
Os menores de 55 teñen dereito a ver respectadas as súas condicións laborais e todos e todas temos dereito a percibir o mesmo salario polo mesmo traballo, non renunciaremos á homologación partindo do respecto aos dereitos consolidados.
Sabemos que estamos no inicio do proceso e que moitas cuestións estan no aire pero iso non implica que as Caixas teñan un cheque en branco. Por exemplo semella claro que os desinvestimentos de activos por valor de 8.000 millóns de euros son precisos para que Caixa Galicia e Caixanova afronten os 9.100 millóns de vencementos de débeda que teñen ata o 2012, unhas débedas excesivas froito dunha mala xestión. Pero eses desinvestimentos poden ter repercusións laborais xa que implican a posible venda de oficinas (tamén en Galiza), temos dereito a coñecer os plans que hoxe as caixas agochan no caixón.
Por todo isto o vindeiro día 22 de xuño comezamos, mellor dito continuamos, o proceso de mobilizacións. Manterémosvos informados.
1 comentário:
Recomendo para algúns compañeiros da Coruña e Lugo este artigo;
http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=525&seccion=4
Enviar um comentário