22.11.09

PSOE, PP e CCOO votan a favor da absorción por Caja Madrid

Segundo informan hoxe nas súas edicións dominicais o xornal "Faro de Vigo" e a "Opinión da Coruña" o pasado xoves o Consello de Administración de Caixa Galicia tería aprobado por unanimidade un posible SIP con Caja Madrid e a CAM.

As persoas integrantes do Consello de Administración, entre os que se encontran Salvador Fernández Moreda, Presidente da Deputación de a Coruña (PSOE), Jose Clemente Orozco, alcalde de Lugo (PSOE), María del Mar Barcon (Secretaria de Organización do PSOE), José Muiño Domínguez, alcalde de Cabanas (PP), Javier Cainzos Vazquez, alcalde de Curtis (PP), Mauro Varela (ex-parlamentario do PP) e os dous representantes de persoal de CCOO (Cerredelo e María José), terían votado a favor da absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid.


A CIG xa alertou sobre a posibilidade desta manobra no mes de xullo.

PSOE, PP e CCOO son algúns dos asinantes do pacto de "estabilidade de Caja Madrid", acordo que non impediu o escandalo ao redor desta entidade. Conviñeron que Rodrigo Rato sexa o futuro Director Xeral cun plan para convertila nunha entidade de referenza fronte a catalana "La Caixa".

Esta votación reafirma a nosa vontade de seguir adiante coa manifestación nacional de delegados/as do vindeira día 4 de decembro, como inicio dun proceso de mobilización social en defensa das Caixas de Aforros Galegas.

Unha opinión recomendada

Recomendavos a lectura dun artigo publicado no "Xornal", polo catedrático Xavier Vence. Unha voz do mundo da universidade, que tamén está sendo excluido deste debate económico.

Plantexa unha quinta proposta, que sigan en solitario, que sexan renovadas as súas direccións e no canto de recorrer ao FROB que emitan cota participativas que deberían ser mercadas pola Xunta de Galicia e Deputacións seguindo o modelo aleman.

21.11.09

Manifestación da CIG en defensa das Caixas de Aforros Galegas



A CIG vén de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación, o próximo día 4 de decembro en Compostela, para exixir un pronunciamento público, tanto de Caixa Galicia como de Caixanova, contrario a calquera fusión ou constitución dun SIP con entidades de fóra. Nesa mobilización tamén se demandará un pronunciamento semellante do goberno galego e que se recorra a todos os mecanismos legais e políticos para impedir que unha fusión destas características se produza.


Para a CIG, segundo explicou o secretario xeral, Suso Seixo, é imprescindíbel que se modifique, de contado, a Lei de Caixas de Aforro de Galiza “para blindar estas entidades ante este tipo de fusións; para que a Xunta de Galiza teña capacidade de veto, non só canto a fusións con entidades de fóra, senón tamén á constitución dun SIP; para que se clarifique cal ten que ser o papel das caixas de aforro no país; como deben ser os seus órganos de dirección e xestión e que non continúen a facer unha política especulativa, cando tiñan que centrarse en apoiar o tecido produtivo”.

Punto de partida para mobilizacións sociais máis amplas

A CIG concibe esta primeira mobilización como o punto de partida dunha mobilización social de carácter máis amplo. Neste sentido, Seixo explicou que “estamos obrigados a abrir un debate en profundidade sobre o futuro modelo, sobre a necesidade de ter un sistema financeiro público, unha banca pública galega, e sobre o papel que teñen que xogar as caixas de aforro galegas”.

O secretario xeral da CIG advertiu que, de non facerse así, “corremos o risco de caer en erros pasados e permitir que quen dirixa a economía do país sexa de novo o capital financeiro, coas graves consecuencias que iso tivo e a crise económica que xerou”.

O menor impacto posíbel sobre o emprego

A CIG entende que, a estas alturas do debate, é inevitábel que se produza unha fusión, xa que tanto o Banco de España como o FROB están forzando ese camiño. Ante esta situación, a central aposta porque se produza entre as caixas galegas e co menor impacto posíbel sobre o emprego. “Non pode haber despedimentos masivos, nin pode haber solucións traumáticas, nin co emprego directo, nin cos traballadores e traballadoras das empresas de servizos que traballan para estas entidades”, subliñou Seixo quen matizou que “calquera fusión coas caixas de fóra provocaría unha maior perda de postos de traballo”.

Xuntanza co Presidente da Xunta

O próximo venres día 27 de novembro, o Presidente da Xunta reunirase cos secretarios xerais das organizacións sindicais para coñecer a súa posición respecto da fusión das caixas galegas e para informar sobre o posicionamento do goberno galego sobre este tema.

Unha xuntanza que para Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG –que compareceu xunto a Seixo na rolda de prensa- chega tarde.

Montero lembrou que xa no mes de xullo a CIG mantiña que o futuro das caixas galegas debería decidirse cun amplo consenso social, político e sindical e que o Presidente da Xunta tiña que liderar ese consenso. O atraso na toma de posición do goberno galego permitiu “que se xerase unha grande incertidume e especulacións públicas en torno ás caixas de aforros que non foi positivo, nin para as propias caixas, nin para os/as traballadores/as. Teríamos evitado un espectáculo como ao que estamos asistindo e a un reforzamento das posicións localistas e personalistas”, engadiu.

O secretario nacional da federación de Banca lamentou, ademais, que fora necesario mobilizar aos delegados/as das caixas e mesmo convocar unha concentración, hai unha semana, diante da consellaría de Facenda, para que finalmente se chegara a adoptar esta decisión. “Un dos nosos obxectivos está cumprido” dixo en referencia á xuntanza convocada primeiro cos sindicatos, pero que logo seguirá coas organizacións políticas e sindicais, “porque é a primeira vez que se produce un feito así no panorama de fusións que se están a producir en todo o estado español, malia a grande conflitividade laboral que xeraron e están a xerar, porque foron procesos deseñados exclusivamente como meros repartos de poder, deixando o emprego en segunda instancia”.

Malia a satisfacción inicial, Montero advertiu que unha cousa é ser recibidos “e outra que nos escoiten” e adiantou que a federación de Banca da CIG está convocando asembleas entre os traballadores das caixas en todo o país, de cara a posíbeis mobilizacións dirixidas a exixir que se garantan os postos de traballo, a galeguidade e o carácter social destas entidades.

Fusións a dúas bandas

Respecto das noticias que se veñen publicando nestes últimos días sobre unha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid ou a posíbel constitución dun SIP por parte de Caixanova, Montero advertiu do grande custo que tería porque “non é máis que a división, o desguace, a redución e a deslocalización da caixa de aforros do Sur de Galiza”.

O secretario nacional de Banca insistiu en que a actual situación que viven as caixas do estado español, e en consecuencia as galegas, non é máis que unha reconversión por decreto do sector, tal e como se advertiu cando, no pasado mes de xuño, se aprobou o Real Decreto que puxo en marcha o FROB. Un Real Decreto que contou, na súa tramitación parlamentaria, co apoio tanto do PSOE, como promotor do mesmo, como do PP. “Daquela pronunciámonos en contra por entender que se trataba dun instrumento que pretendía concentrar as caixas de aforros para a súa posterior privatización”, dixo.

Montero lembrou tamén que posteriormente, no mes de xullo, desde a federación de Banca alertouse do impacto sobre o emprego que tería unha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid, cunha perda aproximada de entre 1.000 e 1.200 postos de traballo.

Esta alternativa, que foi negada no seu momento desde as propias caixas implicadas, parece que se está a valorar novamente. De feito, PSOE e PP están enfrascadas nun debate, acusándose mutuamente de promover fusións con entidades de fóra. Neste sentido, Seixo sinalou que é evidente que a nivel de estado, por parte do PP teñen programado reforzar Caja Madrid con fusións con entidades de Galiza e do Mediterráneo.

Por iso, a CIG non ten moitas expectativas depositadas na xuntanza co presidente da Xunta a próxima semana, e por iso tamén, mantén a programación de mobilizacións de cara a que se preserve o carácter galego, a función social e o emprego nas caixas de Galiza.

19.11.09

O presidente da Xunta anuncia contactos previos á toma de decisión


Cando a CIG fixo público o seu informe sobre o impacto laboral da fusión, tiña como obxectivo poñer por riba da mesa as consecuencias laborais de calquera decisión a respecto do futuro das entidades. Asitíamos con preocupación a outros procesos onde o custe laboral situouse por detras do reparto de poder. Optar por minimizar o impacto como fixeron outros, facendo seus os datos interesados feitos por Caixa Galicia, houbera sido un erro.

Ata aquel momento semellaba que a decisión sobre o futuro só atinxía ao Presidente da Xunta e os directivos das Caixas. Daquela instamos publicamente á Xunta de Galicia para que o Presidente liderase un consenso político, social e sindical sobre o futuro das entidades.

Neste senso o anuncio realizado por Nuñez Feijoo de que nos vindeiros dez días recibirá aos partidos políticos, empresarios e sindicatos chega con retraso. Moita incertidume e especulacións, moi negativas para as Caixas e o seu persoal se houberan evitado de ter actuado daquela. Tamén se houbera evitado o reforzamento das posicións persoalistas e localistas.

Con todo hai que dicir que cumprimos un dos nosos obxectivos, noutros casos que hoxe son traumáticos os sindicatos non tiveron participación previa, debido ao seu apoio irresponsable e acrítico aos procesos de fusión. Galiza marcará a diferenza, os postos de traballo estaran sobre a mesa dende o primeiro momento, pensamos que parte do mérito corresponde á estratéxia da CIG.

Tampouco é menos certo que neste tempo Caixa Galicia e Caixanova puxeron por riba da mesa a opción do SIP. A división, desguace, reducción e deslocalización das Caixas de Aforros. Un perigo inminente que debemos conxurar.

Conseguimos que nos reciban, pero non está garantido que se escoite a nosa voz, por iso a loita en defensa dos postos de traballo e das Caixas de Aforros Galegas continua.

Asemblea de Vigo




Intervencións da CIG nas 3 últimas Asembleas Xerais de Caixa Galicia

Os Conselleiros Xerais en representación do persoal, elexidos co apoio da CIG, foron os únicos que votaron en contra do modelo de xestión da entidade implantado a partires do ano 2006. A Xestión dese exercicio aprobouse no ano 2007 ,o primeiro no que dixemos non ao camiño erroneo emprendido pola dirección.

Votamos en conciencia, non somos responsables de que Caixa Galicia non poda seguir en solitario e que os traballadores e traballadoras esteamos a piques de pagar un duro reaxuste laboral. Polo tanto para calquera reclamación sobre esta cuestión fai click aqui.







17.11.09

Reflexión sobre o 17 de novembro

O 17 de novembro ás 17:30 horas celebrouse unha Asemblea da CIG en Ourense co persoal de Caixa Galicia e Caixanova; a mesma hora celebrábase en Barcelona unha mobilización dos traballadores e traballadoras das caixas catalanas para protestar polos despedimentos masivos consecuencia da fusión; pola maña tivo lugar unha concentración do Comité de Empresa da CAN (Caja de Ahorros de Navarra) diante do parlamento para protestar pola opacidade no SIP e contra os despedimentos; tamén na Banca houbo unha mobilización dos afectados polo ERE do Grupo LLoyds Bank. A crise financeira pasa factura... laboral.

Por primeira vez os despedimentos masivos abrense paso no sector. Un novo escenario laboral que require un novo escenario sindical. O modelo sindical de pacto e concertación semella esgotado, ábrese paso o sindicalismo combativo e reivindicativo que sempre defendeu a CIG.


Asamblea traballadores/as en Ourense

14.11.09

Continua o bochorno no caso Ontiveros.



Segundo publica o Correo Gallego Caixa Galicia afirmou que Emilio Ontiveros abandonou o Consello de Administración de CXG Caixa Galicia fai un ano, dende AFI contestaron que fai uns meses. O seu nome desapareceu da páxina web de CXG, pero xa temos solicitada información ao rexistro para comprobar o afirmado.

A CIG-Caixanova denunciou que o informe presentado por Caixanova á Xunta de Galicia contrario a fusión das Caixas Galegas e favorable a un SIP fora de Galiza, fora realizado (previo pago) pola empresa AFI de Emilio Ontiveros, economista próximo ao PSOE con aceso directo á Moncloa.

Cesado polo Banco de España

Emilio Ontiveros pertencía ao Consello de Administración de Caja Castilla la Mancha, entidade intervida polo Banco de España e ademais está sentado no consello de administración de CXG Caixa Galicia, grazas a amistade persoal que manten con Jose Luis Méndez.

Seu é tamén o informe de fusión da Caixa Cataluña, Manresa e Tarragona, nese caso favorable a fusión. Curiosamente nesa fusión que el asesora foi onde as empresas puxeron 600 despedimentos por riba da mesa.

Por último todo apunta a que o informe presentado polo empresariado de Vigo, non é propio, é un resumo do solicitado por Caixanova á consultora AFI de Ontiveros. Detras destes empresarios está a longa sombra do excelentísimo xubilado de Vigo.

13.11.09

O Director Xeral de Caixanova si recibe aos sindicatos

O vindeiro luns 16 semella que será de grande actividade sindical, xa que tamén haberá reunión co Director Xeral de Caixanova que convocou aos sindicatos.

A reunión entre a CIG e a Conselleira de Facenda xa ten data

O vindeiro luns 16 de novembro unha representación da CIG de Caixa Galicia e Caixanova manterá unha reunión coa Conselleira de Facenda, Marta Fernández Curras.

Deste xeito a Consellería da contestación a solicitude realizada pola CIG o pasado 19 de outubro.

12.11.09

A CIG mollouse, agora ten que mollarse a Xunta de Galicia