9.1.07

O FMI, a Comisión Europea, o PP e o PSOE están de acordo en privatizar as Caixas de Aforros.


Semella que estamos na etapa final que pode levar á privatización definitiva das Caixas de Aforros. Ao longo dos últimos meses reabriuse o debate sobre a privatización e a oportunidade da saída á Bolsa das Caixas de Aforros do Estado Español.

Este debate vén de atrás, pero nos últimos meses retomouse con máis forza despois das recomendacións do ultra-neoliberal Fondo Monetario Internacional (FMI), dirixido polo ex-ministro do Partido Popular Rodríguez Rato, que denunciaba a distorsión que provocan as Caixas de Aforros no sistema financeiro estatal.

A esta posición histórica do FMI sumouse a Comisión Europea que, atendendo ás presións da Federación da Banca Privada Europea, denunciou a distorsión que ao seu xuízo supoñen as Caixas de Aforros na economía, nomeadamente pola presenza política nos órganos de goberno e polas súas participacións en empresas e sectores estratéxicos. Pero tamén por considerar que impiden a libre competencia no sector financeiro, xa que as Caixas poden comprar Bancos mentres os Bancos non poden comprar Caixas.

Por outra parte o Vicepresidente económico do Goberno do PSOE no Estado, Pedro Solbes, ten declarado recentemente nos medios de comunicación que as Caixas de Aforros deben someterse á disciplina do mercado, é dicir, deben ser privatizadas. Pero máis alá foi Ángel Ubide, Conselleiro do Banco de España, que raiando o esperpento defendeu a privatización das Caixas de Aforros para facilitar a entrada da Banca “estranxeira” no Estado Español.

Pero se a situación non fora grave de por si, máis grave é a colaboración das Direccións destas Entidades lanzadas nunha xestión neoliberal e interesadas na privatización.

Caixa Galicia foi a primeira Caixa de Aforros do Estado que alá polo ano 1999 abriu o debate sobre a posible emisión de cotas participativas, instrumento similar ás accións, que segundo a Comisión Nacional do Mercado de Valores debería cotizar en Bolsa. Neste momento a primeira entidade financeira galega atópase nun proceso de reestruturación interna, nun proceso de bancarización que ten como obxectivo a saída a Bolsa desta Entidade. Proceso que ten considerables repercusións para todo o cadro de persoal, polo que se ten incrementado a conflitividade laboral en Caixa Galicia.

Precisamente coa chegada á Consellería de Economía, o PSOE conseguiu desbancar ao PP como partido maioritario no Consello de Administración de Caixa Galicia, un asalto pouco coñecido a un dos poderes económicos galegos.

As Caixas poden e deben cumprir un importante papel nunha nación como Galiza carente de soberanía económica e polo tanto carente de instrumentos para defender os sectores e empresas estratéxicas para o país. Precisamente ese papel é o que molesta en Europa e aos ultraliberais que dirixen a economía no Estado Español.

As Caixas de Aforros son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma Galega, recoñecida no vixente Estatuto de Autonomía. É hora de modificar a Lei de Caixas co fin de democratizalas, impulsar unha xestión máis social, vinculada ao país e para salvagardalas da posible privatización. Antes de que os tiburóns do gran capital consigan meterlle o dente.


Artigo opinión Clodomiro Montero

3 comentários:

Anónimo disse...

POR QUE FALAS DE PRIVATIZAR, O QUE QUERE "MENDEZ E HIJOS" E QUEDARSE DIRECTAMENTE CON ELA.

BANCA MENDEZ E HIJOS, S.A.

Anónimo disse...

O chaparron que se nos ven enriba. tempos dificiles pra a lirica e o sindicalismo. Debemos anticiparnos e ser capaces de chegar o goberno galego para previr e axudarnos mutuamente nesta loita.

Anónimo disse...

Quen ten a pancarta da foto, imos ter que quitarlle o polvo: oito anos despois volven as cotas participativas!!