9.1.07

A CIG considera regresiva a reforma do IRPF

Coa chegada de 2007 entrou en vigor a reforma do IRPF. Unha reforma que modifica o sistema tributario e que, para a CIG, ten un carácter regresivo xa que supón, entre outros aspectos, unha diminución na recadación de impostos directos, que gravan en función das rendas, e un incremento dos indirectos. Deste xeito o sistema perde progresividade e benefíciase ás rendas máis altas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, vén de valorar negativamente a entrada en vigor da reforma do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Unha reforma que se presenta como moi positiva e que, porén, para a CIG ten repercusións negativas sobre todo para as rendas máis baixas e para os servizos públicos.

Suso Seixo subliña que a través desta reforma o Estado vai deixar de ingresar da orde duns 4.000 millóns de euros por ano “o cal suporá ou ben reducir os orzamentos adicados a políticas públicas en materia de infraestruturas, en servizos sociais e outros servizos públicos diversos... algo que sería negativo, ou ben o Estado para compensar esa perda de ingresos vai recorrer á vía dos impostos indirectos, o que irá en prexuízo da clase traballadora”.

O secretario xeral da CIG conclúe, polo tanto, que aínda que as mudanzas do sistema impositivo xa se foron fraguando en reformas anteriores, nesta ocasión o que se fai é afondar nese carácter regresivo rematando cun sistema retributivo que era máis equitativo ao proceder, a maior parte dos ingresos dos impostos directos, e con carácter progresivo para que aportaran máis os que máis ingresaban.

Nesta ocasión introdúcense tamén mudanzas nos tipos de gravame, que pasan de cinco a catro reducindo fundamentalmente o subtipo marxinal superior que pasa dun 45% a un 43%. Até o de agora había cinco tipos de gravame sobre as rendas dependendo dos ingresos, que ían por tramos. O máis baixo era do 15% e o máis alto do 45%. Con esta redución desaparece o máis baixo, que pasa a estar nun 24% e no máis alto a porcentaxe de retencións pasa do 45% ao 43%, é dicir que “son as rendas máis altas as máis beneficiadas en canto que se reduce mesmo a porcentaxe que se lles aplica”.

Redución dos tramos

Canto á redución de tramos, que puidera considerarse ou valorarse como positivo, Seixo entende que é negativo porque “cantos menos tramos haxa para os impostos o sistema é menos equitativo, porque se reducen as diferenzas entre o que pagan os que máis ingresa e o que pagan os que menos e ademais a tendencia é a ir cara un tipo único”.

Alén diso, tamén é preocupante o desigual tratamento que seguen as rendas do traballo e as procedentes de aforro ou capital. Mentres ás rendas procedentes do traballo se lles aplica un tipo de gravame progresivo e como mínimo do 24%, as do aforro tributan a un tipo único, proporcional, do 18% -antes era do 15%- coa novidade de que os primeiros 1.000 euros por dividendos están exentos de pagar.

A isto hai que lle engadir que a reforma do imposto de sociedades, que acompaña a reforma do IRPF neste proxecto, pretende, entre outras cousas, reducir o tipo de gravame xeral do 35 ao 30% no período 2007-2008 e aínda que inclúe outras modificacións para paliar este descenso do tipo, o certo é que s evai ingresar menos por este imposto. “Un agravante máis na discriminación das rendas do traballo fronte ás do capital”, matiza Seixo.

1 comentário:

Anónimo disse...

a traducion en cristian e que os ricos seran mais ricos e os pobres mais pobres, condicion fundamental para ter a clase traballadora controlada baixo o agobio asfixante do ¡non chego nin a mitade do mes!.