14.10.10

Asemblea Xeral: Mobilización e voto negativo

Ante a celebración das respectivas Asembleas Xerais de Caixa Galicia e Caixanova, a CIG ten convocado concentracións as que estades convidados todos aqueles compañeiros e compañeiras que queirades asistir.

A nosa intervención nas asembleas, denunciará a situación laboral creada polo Plan de integración e o Acordo laboral. Somos representantes dos traballadores e traballadoras e, polo tanto, temos o deber de facer oír a vosa voz.

Queremos que nos aclaren se o pacto laboral da fusión estivo condicionado polas restricións económicas, despois de que as Direccións decidiran utilizar parte dos recursos recibidos do FROB para entrar na posible ampliación de capital de Sacyr, empresa na que as Caixas teñen cerca do 9% do capital. Esta decisión foi tomada incluso coa oposición do Banco de España, segundo informou algún medio.

Non poderíamos admitir que os recortes e falta de garantías nas prexubilacións ,e os recortes e falta de garantías para o persoal que queda, tiveran como obxectivo volver a investir en empresas nas que as Direccións nunca deberían ter entrado.

Pero non podemos esquecer que se trata dos máximos órganos de goberno das entidades e que, polo tanto, a nosa intervención debe tamén entrar noutros aspectos da xestión. Ao fin e ao cabo, se estamos onde estamos é por unha mala xestión dos actuais equipos directivos.

A día de hoxe, está claro que estamos ante un desmantelamento das Caixas pola vía do peche de oficinas (300) e departamentos de Servizos Centrais, e tamén pola venda de 200 oficinas co seu persoal. En total poden ser cerca de 1.700 os postos de traballo directos afectados.

Neste apartado hai que destacar que a Dirección encargou a Goldman Sachs o proceso de desinvestimentos por valor de 13.000 millóns de euros, incluída a venda de oficinas co persoal dentro. Goldman Sachs é unha entidade de EEUU que foi sancionada pola SEC (Comisión Nacional do Mercado de Valores) por fraude á clientela.


Por outra banda, o desmantelamento barato das Caixas ten como fin a súa privatización. Nos estatutos da nova Entidade figura a emisión de cotas participativas con dereitos políticos e a entrada dos coto-partícipes, minorando a representación actual tanto no Consello de Administración como na Asemblea Xeral de outros colectivos tales como o persoal, impositores, entidades fundadoras, etc.

Malia todo, a actual cúpula directiva e os órganos de goberno de ambas entidades, veranse prorrogados no seu mandato sen asumir responsabilidades pola mala xestión coa que hoxe xustifican o desmantelamento parcial da Caixa e a saída de centos de compañeiros e compañeiras sen ningún tipo de garantías.

Por todo isto, votaremos NON nos apartados correspondentes, a CIG non é cómplice da mala xestión, nin vai ser cómplice do desmantelamento, venda e privatización de Caixa Galicia e Caixanova.

O 4 de decembro a CIG manifestouse polas rúas de Santiago en defensa do emprego, da galeguidade e do carácter social das Caixas. Polo mesmo motivo concentrarémonos antes as Asembleas Xerais e votaremos NON.


Ás 17:30 horas o luns 18 de outubro.

Asemblea Xeral Caixa Galicia: Fundación Caixa Galicia, Cantón Grande-A Coruña
Asemblea Xeral Caixanova: Centro Social Caixanova, Policarpo Sánz-Vigo.

Sem comentários: