18.10.10

A CIG reitera o apoio á fusión pero rexeita o proceso de venda e privatización argallado polas cúpulas das caixas e a Xunta



Ducias de delegados e delegados da CIG concentráronse na tarde do luns 18 de outubro diante da sede da Fundación Caixa Galicia en A Coruña e do Centro Socio Cultural de Caixanova en Vigo para denunciar o desmantelamento, liquidación e privatización das caixas galegas. As protestas desenvolvéronse de xeito simultáneo en ambas cidades coincidindo coa celebración das asembleas xerais de Caixanova e Caixa Galicia, nas que a CIG reiterou o seu apoio á fusión das caixas, mais denunciou o proceso deseñado polas cúpulas das entidades para garantir a súa propia continuidade sen ter en conta os miles de empregos que se van destruír nin a precarización que supón para o conxunto dos traballadores e traballadoras o plan de integración e o acordo laboral.


A continuación reproducimos a intervención da CIG nas asembleas xerais de Caixa Galicia e Caixanova:

Oposición á cobertura de vacantes e á continuidade dos actuais conselleiros xerais

A CIG oponse a cobertura de vacantes nas actuais asembleas e á continuidade dos actuais conselleiros xerais do Consello de Administración e das actuais cúpulas directivas e dos seus equipos. Os traballadores e traballadoras de Caixanova e Caixa Galicia cumpriron fielmente coas instrucións recibidas por parte da Dirección das Caixas; se hoxe as entidades afrontan un difícil proceso de reestruturación, é debido a unha mala xestión que non é imputábel en ningún caso ao persoal das mesmas.

As cúpulas directivas de Caixa Galicia e Caixanova son as responsábeis da situación e pedimos que asuman a súa responsabilidade. Cabe lembrar que foron eles quen anunciaron a imposibilidade de seguir en solitario, debido a situación económica e, posteriormente, forzaron unha modificación legal para poder manterse nos seus postos máis alá do límite legalmente establecido.

Deste xeito, impediuse a democratización e profesionalización dos órganos de goberno e a implantación dun novo modelo de xestión que permita superar os erros que nos levaron á situación actual. Os altos cargos responsábeis da destrución de 1.200 postos de traballo directos, 900 en Galiza, continuarán nos seus postos sen asumir responsabilidades.

E hai que dicir que a saída de 1.200 compañeiros/as que, insistimos, só traballaron fielmente e máis alá do esixíbel a favor de ambas entidades, é pola porta de atrás. Cunhas condicións enganosas e sen garantías. As Direccións pretenderon presentar a estes compañeiros/as como os responsables do futuro da entidade; só coa súa saída, coa destrución de 1.200 postos de traballo, a nova Caixa poderá ser viábel e solvente cara ao futuro. Ante isto, nós dicimos que a entidade será viable e solvente se son apartados do seu cargo os malos xestores e os seus respectivos equipos.

Así mesmo, o persoal que continuará na entidade poderá verse afectado polas baixas incentivadas (despedimentos pagados) ou mobilidade xeográfica, o que pode provocar o desarraigo social e familiar de moitos compañeiros/as. As condicións pactadas encobren posibles recortes laborais ao arbitrio futuro da Dirección “se as circunstancias económicas o requiren”.

Por todo isto, a CIG non pode máis que votar NON á continuidade dos actuais órganos de goberno e por correspondencia anuncia que votaremos NON a estas medidas.

A CIG vota en contra do Deseño do Plan de Integración e dos Estatutos da nova Entidade

O Plan de Integración pon en evidencia que non estamos ante un proceso de fusión, estamos ante un auténtico proceso de desmantelamento, liquidación, venda e privatización de Caixanova e Caixa Galicia.

Desmantelamento pola vía dunha reconversión da entidade, co peche de 300 oficinas de Caixanova e Caixa Galicia (200 delas en Galiza), e unha redución drástica dos Servizos Centrais, que non responden a unha lóxica dunha fusión, non é froito das duplicidades, xa que teñen como obxectivo a destrución de 1.200 postos de traballo (900 en Galiza) para que a redución de custes permita facer fronte aos pagos ao FROB.

Venderanse tamén lotes de oficinas ao mellor postor, incluíndo á clientela e aos traballadores e traballadoras. A día de hoxe non sabemos o número dos centros de traballo afectados, pero finalmente o axuste laboral pode afectar a máis de 500 oficinas e a 1.500 postos de traballo.

A este impacto sobre o emprego, hai que sumar os empregos das empresas auxiliares e de servizos. Sen que existan garantías para o persoal afectado.

E malia o duro proceso de reconversión contemplado no Plano de Integración, a Dirección non quixo asumir o compromiso de non externalizar e deslocalizar a carga de traballo, que actualmente realizaba persoal das entidades en Galiza, para fóra do país. Este é un feito que xa se está a dar no Banco Gallego, do que o seu principal accionista é Caixanova, que está a desmantelar os Servizos Centrais que ten na Coruña mediante traslado a Madrid e exteriorización a outras empresas de varios departamentos. Galiza pagará un alto custe laboral froito da mala xestión das actuais cúpulas directivas.

E dicimos tamén liquidación, dado que o plan de integración inclúe a venda de 13.000 millóns de activos, que teñen como fin amortizar as débedas con terceiros, pero que levará a unha descapitalización da entidade coa que tratan de xustificar unha posterior entrada de capital privado e polo tanto a privatización.

A venda dos activos encargouse á norteamericana Goldman Sachs, empresa acusada de fraude pola SEC (Comisión Nacional do Mercado de Valores de EEUU). Os desinvestimentos poden afectar gravemente a empresas e sectores estratéxicos para Galiza, toda vez que se realizarán por meros criterios de rendibilidade e sen ningunha perspectiva do impacto económico, social e laboral no país.

E por último, dicimos privatización, dado que os Estatutos da nova entidade prevén a entrada de capital privado a través da emisión de cotas participativas con dereitos políticos, é dicir, a entrada de accionistas. Os propios Estatutos contemplan tamén dereitos políticos para os coto-partícipes, e terán como consecuencia a redución da presenza doutros colectivos nos órganos de goberno da entidade.

Estamos ante a entrada de accionistas na Caixa de Aforros e polo tanto a súa conversión nun banco privado. Os beneficios que ata hoxe revertían na sociedade a través da Obra Social favorecendo a inclusión social, e nos investimentos en sectores e empresas estratéxicos para o país, reverterán agora nos petos dos accionistas.

En definitiva, o que se propón non é o proceso de fusión co que a CIG se manifestou publicamente de acordo e polo que continuamos apostando. Proponse un proceso de desmantelamento da capacidade produtiva e unha posible deslocalización dos centros de traballo; unha liquidación e venda dos activos da entidade e por último, a privatización da entidade resultante. Dicimos SI a unha gran Caixa de Aforros Galega, pero dicimos NON ao que consideramos un engano sen precedentes á sociedade galega.

Non gañou Vigo, non gañou A Coruña, nin gañou Galiza; gañaron os malos xestores que se verán perpetuados no seu cargo e aqueles accionistas que poderán comprar a nova entidade a prezo de saldo.

Por todo isto, a CIG reitera que está a favor da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, pero non do deseño de toda a operación realizado polas cúpulas das Caixas e a Xunta de Galicia.

Petición do voto negativo aos representantes do Concello de Vigo

Durante a intervención na Asemblea Xeral de Caixanova, a CIG pediu formalmente aos representantes do Concello de Vigo o voto negativo aos Estatutos da Entidade, dado que “prevén a redución da presenza do Concello nos órganos de goberno da nova Caixa en favor de representantes do capital privado” e tendo en conta o anuncio realizado, no seu día, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, a respecto de que impugnaría a Lei Galega de Caixas por entender que minoraba a presenza do Concello nos órganos de goberno da entidade.

Sem comentários: