8.10.10

Aclaracións ao artigo publicado polo Correo Gallego

Con caracter xeral recoñecemos que o Correo Gallego foi un dos poucos medios que ten mantido unha linea informativa respetuosa durante o proceso de fusión. Non obstante o artigo publicado o día de hoxe sobre a posición da CIG-Banca ante o organigrama da nova caixa require algunhas aclaracións:

1.-A CIG votou sistematicamente na Asemblea Xeral da Caixa Galicia (máximo órgano de goberno da entidade) en contra do modelo de xestión implantado pola dirección dende o ano 2005, levando ademais adiante dende o ano 2006 un proceso de mobilizacións, asembleas e denuncias contra o citado modelo. Neste senso non ten responsabilidade sobre a situación da entidade e vimos reclamando responsabilidades e a dimisión dos directivos dende o inicio do debate da fusión. A foto da pancarta da CIG-Aforro na manifestación do 4 de decembro de 2009 pedindo a dimision de Méndez e Gayoso, que foi publicada polo propio Correo Gallego, é clara e pensamos que unha imaxe vale mais que mil palabras.

2.-A nosa posición contraria á privatización das Caixas de Aforros é histórica. Dende a aprobación do FROB anunciamos que o proceso de restruturación do sector tiña como obxectivo a privatización destas entidades. Así mesmo amosamos a nosa oposición a LORCA, aprobada polo Parlamento Español, por entender que perseguía a privatización das entidades.

3.-Durante a negociación do proceso laboral a CIG cumpriu coa súa responsabilidade tentando conseguir as máximas garantías e as mellores condicións para o persoal unha vez que as entidades anunciaron a intención de instrumentalizar determinadas medidas a través dun ERE. Foron as Direccións, non os sindicatos, as que propuxeron esa medida e mais ala da nosa oposición que quedou clara dende o primeiro día, era a nosa obriga tratar de minimizar o impacto da mesma. Queremos lembrar que a falta de garantías e unhas condicións laborais insuficientes motivaron o noso descolgue do acordo final. Precisamente o duro recorte e destrucción de postos de traballo en Galiza e a falta de compromisos de non externalizar servizos e de non deslocalizalos fora do país foi tamén un dos motivos da non sinatura do acordo.

4-Unha vez aprobada a LORCA, na mesa negociadora solicitamos unha reunión coa cúpula directiva da entidade co fin de coñecer o plano de futuro, nomeadamente si a nova entidade sería unha Caixa ou un Banco. O seu rexistro inicial como Caixa de Aforros foi tamén determinante na nosa posición.

5- Agora ben a día de hoxe, recibida a documentación pertinente para as Asembleas Xerais de ambas Caixas que se celebrará o 18 de outubro, poidemos comprobar que nos novos Estatutos se contempla a emisión de cotas participativas con dereitos políticos, é dicir a entra de accionistas privados na nova entidade e polo tanto a súa privatización.

6-Por último a semana anterior a sinatura do acordo o Parlamento Galego aprobou unha modificación legal permitindo a continuidade das cúpulas directivas e dos órganos de goberno, feito que criticamos, impedindo a necesaria democratización e profesionalización das Caixas conforme a Lei Galega de Caixas de decembro do 2009 que si foi apoiada pola CIG. A falta de renovación permite que no organigrama figuren persoas, algúnhas maiores de 55 anos, que consideramos máximos responsables do modelo de xestión que levou a entidade á dificil situación actual. Persoas as que ademais consideramos inimigos dos traballadores e traballadoras da entidade polo seu comportamento laboral.

A CIG apostou por unha Caixa de Aforros Galega, esixiu responsabilidades e traballou por un acordo laboral que garantira o máximo emprego en Galiza e as mellores condicións laborais para todo o persoal das Caixas, das empresas auxiliares e de servizos.

Non será unha Caixa de Aforros, ningúen asumirá responsabilidades e incluso duplicarase a cúpula directiva mentras propoñen un duro recorte do emprego no país levando o traballo para fora. Por último pero o mais importante dende o punto de vista laboral no acordo non estan garantídas as condicións do persoal que terá que marchar, nin do que queda.

A CIG ten claro o seu camiño, outra cuestión é que algúen non o queira ver.

Sem comentários: