7.10.10

En boa man estache o pandeiro!!!!!!!!!!

Os asinantes destacaron que era o mellor acordo do sector, pero eles non se prexubilan.

Unha vez coñecido o organigrama da nova entidade froito da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, pasamos da sorpresa inicial á máxima indignación.

Finalmente os altos executivos dunha e doutra entidade, que cobran salarios millonarios e insultantes que non declaran (sabemos o que cobran os dirixentes dos grandes bancos privados, pero non os das Caixas de Aforros baixo control público), continuarán á fronte da nova entidade sen asumir as súas responsabilidades pola mala xestión.

Non é casual que o organigrama se presente unha vez asinado o Acordo Laboral, que implica a destrución de 1.200 postos de traballo, 900 en Galiza a través de prexubilacións instrumentalizadas como un ERE (Expediente de Regulación de Emprego), que afectará aos traballadores e traballadoras maiores de 55 anos.

Traballadores con 30, 35 ou 40 anos de servizo marcharán para casa cunha compensación entre o 70-75% do seu salario, mentres continuarán mandando os mesmos e cobrando salarios millonarios, despois de que as Caixas de Aforros recibiran máis de 6.000 millóns de inxección de diñeiro público.

É indignante que nunha empresa baixo control público da Xunta de Galicia, continúen nos seus postos os responsables da destrución de 1.200 postos de traballo, 900 en Galiza. Pero resulta máis indignante ver que entre os executivos que manterán a súa privilexiada situación, figuran persoas maiores de 55 anos e que polo tanto deberían estar afectadas polo ERE. Queda claro que eses executivos, maiores de 55 anos, non pensan acollerse á “magnífica” oferta de prexubilación vía ERE que ofertan ao resto do persoal.

Tampouco é de recibo que algúns dos altos executivos que dixeron que o acordo era “el mejor del sector”, non dean exemplo e non sexan os primeiros en marchar co ERE para casa, ir á cola do paro e pedir a prestación. Serán os traballadores e traballadoras quen paguen en exclusiva a mala xestión empresarial.

Entendemos que PP e PSOE, que pactaron no Parlamento Galego incluír un período de transición eliminando a democratización e profesionalización das Caixas que establecía a Lei Galega de 12/2009, son os responsables dunha auténtica tomadura de pelo á sociedade galega e ao persoal das Caixas de Aforros. Unha decisión interesada para evitar tamén que se depuren as responsabilidades políticas dos altos cargos dunha e doutra formación que estiveron, e estarán, sentados nos órganos de goberno.

A CIG quere deixar clara a súa oposición pública ao organigrama da nova entidade, considerando que a destrución de 900 postos de traballo en Galiza quedará impune. Nin hai responsabilidade dos xestores das Caixas, nin responsabilidades políticas, pagando a sociedade e os traballadores/as as consecuencias.

Por último, denunciar novamente que a cúpula directiva das entidades, prepara xa a privatización da nova entidade froito da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. O proceso de reconversión e fusión que estamos a sufrir os traballadores e traballadoras das Caixas ten como o obxectivo a súa privatización, non gañou Vigo, nin A Coruña. Gañou a Dirección das empresas e os grandes inversores privados que poderán quedarse coa entidade a prezo de saldo.

Sem comentários: