27.11.09

Solidariedade co persoal de CXG Gestión Operativa, a antiga COINSA

O Comité de CXG Gestión Operativa e a CIG reclamaron a Caixa Galicia que ofreza garantías no proceso de venda da súa filial á multinacional HP. Os 100 traballadores/as de CXG, que se encarga dos servizos administrativos centrais da entidade, pasarán a incorporarse a HP o vindeiro 1 decembro, aínda que non existen garantías da continuidade dos seus postos nin das súas condicións laborais, polo que dende a central se reclamou á Xunta que interveña nesta decisión, cando menos, até que se perfile dun xeito claro o futuro das caixas galegas.

O pasado mes de outubro Caixa Galicia comunicaba ao Comité de empresa a venta da filial CXG Gestión Operativa á multinacional HP, así como a subrogación de todo o cadro de persoal á nova propietaria. Non obstante, durante o proceso, Hewlett-Packard negouse a asinar ningún tipo de compromiso para garantir o mantemento dos empregos e as condicións laborais dos mesmos.

Neste senso, o presidente do Comité, Arturo Vijande, denunciou o risco que supón esta transacción non só para a continuidade dos 100 postos de traballo, senón para os propios servizos achegados aos clientes (xestión de nóminas, recibos, pensións, hipotecas, etc.), xa que a actividade de CXG resulta primordial para a caixa. Vijande pronunciábase así en rolda de prensa, na que estivo acompañado por todo o comité, así como polo Secretario Nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, e o Secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril.

A respecto da venda, Clodomiro Montero referiuse ao informe presentado pola CIG en outubro sobre o impacto que tería unha fusión das caixas sobre o emprego e as súas empresas auxiliares, así como do risco de desaparición dos servizos centrais de Caixa Galicia diante dun posíbel SIP con Caja Madrid, decisión que semella foi aprobada o pasado xoves no Consello de Administración.

Advertencias sobre a conflitividade das fusións

Montero sinalou que o anuncio da venda de CXG Gestión Operativa a HP confirma os temores da central a respecto do impacto das fusións sobre o emprego. “Hai que pensar que se están pondo en risco 100 empregos directos nunha empresa que leva 22 anos sendo os servizos centrais efectivos de Caixa Galicia”, afirmou o Secretario da CIG-Banca, quen acusou a entidade de “tentar desfacerse miserabelmente da súa responsabilidade social”.

Neste senso, advertiu que se a decisión de Caixa Galicia constitúe o primeiro paso dunha fusión e se neste proceso non se garante o emprego e as condicións laborais “podemos anunciar que a fusión vai ser conflitiva. Por que se este é o camiño que se pretende levar adiante en todo o proceso está claro que vai ser moi conflitivo e a CIG non vai admitir recortes laborais de ningún tipo nin recortes traumáticos de emprego”.

E así llo transmitiu a CIG á Xunta de Galiza durante a reunión mantida coa Consellaría de Facenda hai uns días. Para a central, calquera proceso nas caixas ten que contar coas garantías suficientes para o mantemento do emprego, para manter o seu carácter galego e ten que ser negociado. “Se tanto se fala de garantir a galeguidade neste proceso que alguén nos explique que clase de galeguidade é aquela que consiste en que os servizos centrais de Caixa Galicia sexan vendidos a unha empresa norteamericana”.

Proceso de “racionalización económica”

Pola súa banda, o Secretario Comarcal da CIG de A Coruña, asegurou que a venda de CXG sitúa á empresa entre as primeiras vítimas do proceso de “racionalización económica” da entidade. Para Carril a venda de CXG constitúe unha maneira de trucar o debate que se está a dar sobre o futuro das caixas ao pretender Caixa Galicia non estar sometida ao poder público e evitar que sexa a Xunta a que marque o proceso, tras do que se adoptarán as medidas precisas. “Estase colocando á entidade á marxe do interese público. Caixa Galicia quere tomar a dianteira e situar á entidade á marxe do ben social, satisfacendo unicamente os seus intereses de externalizar na maior medida posíbel a actividade desta auxiliar”.

Por esta razón, dende o Comité e a CIG reclamáronse garantías neste proceso e solicitouse a intervención do Presidente da Xunta de Galiza, para que paralice a toma de decisión deste calado en Caixa Galicia até que se coñeza o desenlace do futuro das caixas

1 comentário:

O demo de bichocuntín disse...

Mobilizacións xa. Os de Pontevedra imos alá megáfono en boca e bombas nas mans. Fillosdeputaxaempezanadesfacertodo.