O 8 de xaneiro estaba prevista unha nova constitución da Mesa Negociadora do Convenio das Caixas de Aforros, despois de que o pasado mes de outubro de 2008, a Audiencia Nacional declaraba nula a Constitución da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo das Caixas de Aforros 2007-2010, anulando polo tanto o propio Convenio Colectivo que fora asinado en outubro de 2007 por CCOO e CSICA.
Así, a CIG foi convocada para esa reunión, pero non foi posíbel constituíla toda vez que se reproduciron as diferenzas entre sindicatos que deron lugar á anulación do convenio anterior, nunha actitude que, desde o sindicato nacionalista denuncian como “irresponsábel”.
Por Lei, teñen dereito a estar presentes na Mesa Negociadora os sindicatos que superen o 10% de delegados/as sindicais a nivel estatal, ou o 15% a nivel autonómico.
Desta volta, a Dirección Xeral do Ministerio de Traballo emitiu ata 5 certificados distintos con grandes diferenzas na cifra de representación; se no primeiro deixaba fóra da Mesa ao sindicato CIC, o último recibido deixaba fóra ao CSICA, o que podería afectar a intención de ratificar o anterior convenio anunciada pola coalición CCOO-CSICA.
Proposta da CIG para solucionar esta situación
Ante esta situación de bloqueo, e ante a imposibilidade de chegar a unha solución negociada entre os sindicatos, desde a CIG fíxose unha proposta que finalmente foi avalada de xeito maioritario pola parte social: solicitarase un novo certificado ao Ministerio, agardando que no mesmo se corrixan os erros anteriores e se clarifique quen ten lexítimo dereito a formar parte da Mesa Negociadora.
Se non xorden novos atrancos, as partes están chamadas para o día 27 de xaneiro a Madrid co ánimo de constituír dunha vez por todas esta accidentada Mesa Negociadora.
1 comentário:
Non son diferencias, son interpretacións persoais do que significa "sindicato", "liberdade sindical", "dereitos dos/as traballadores/as", etc.
Enviar um comentário