12.11.08

Fronte a crise e por unha nova lei de Caixas, mobilízate coa CIG

Ao longo dos últimos anos os traballadores e traballadoras sufrimos as consecuencias da especulación instalada na economía, que se traduciu nunha desmedida alza do prezo da vivenda e dos produtos de consumo e dos servizos. Sufrimos tamén a implantación dun modelo laboral baseado na precarización das condicións laborais coa extensión das xornadas laborais; o incremento brutal das cargas de traballo; pola subcontratación e por unhas altas taxas de temporalidade. Os traballadores e traballadoras sufrimos a peor parte nos tempos de bonanza.

Agora a especulación levou ao sistema a unha crise sen precedentes que ameaza cada día a un maior número de postos de traballo, pola vía dos Expedientes de Regulación de Emprego, pero tamén pola rescisión dos contratos temporais. Tamén estamos ante un constante empeoramento das condicións laborais.

O Goberno está poñendo en marcha medidas económicas illadas que fundamentalmente consisten en inxentes axudas (sen ningún tipo de control democrático) ás Entidades Financeiras (responsables en gran medida da crise) e ao resto das empresas.

Neste senso, dende a Confederación Intersindical Galega demandamos un paquete de medidas económicas, sociais e laborais fronte á crise, para que non sexamos de novo os traballadores e as traballadoras quen paguemos a peor parte. Entre as medidas propostas pola CIG inclúese a necesidade dunha nova Lei Galega de Caixas de Aforros

Cando os despedimentos están na axenda da maior parte das empresas, cando estas tratan de reducir custes empeorando as condicións laborais, os sindicatos non podemos ser testemuñas mudas ante esta situación. É preciso mobilizarse a prol dun novo modelo máis xusto e sustentable socialmente.

Dende esa perspectiva, o vindeiro día 13 de novembro a CIG ten convocadas manifestacións en todo o país, para reivindicar un novo modelo no que economía estea ao servizo das persoas.

O vindeiro 13 de novembro participa nas manifestacións convocadas pola CIG:

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro.
A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.
Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.
Lugo: Saída ás 20:00 da Ronda da Muralla, diante do sindicato.
Ourense: Saída, ás 20:00 do Pavillón dos Remedios.
Pontevedra: Saída ás 20:30 da Praza da Ferrería.
Santiago: Saída ás 20:00 da Praza Roxa.
Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.

Sem comentários: