14.11.08

A Audiencia Nacional anula o Convenio

A finais de outubro, a Audiencia Nacional declaraba nula a constitución da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo Estatal das Caixas de Aforro e, en consecuencia, nulas todas as actuacións posteriores, incluída a aprobación do Convenio.

CIC (Confederación Intersindical das Caixas de Aforros), que non ten relación orgánica coa CIG, aglutina a diversos sindicatos con presenza nas Caixas de Aforros de todo o Estado.

Ante o que considerou unha exclusión da Mesa Negociadora, presentou un Conflito Colectivo ante a Audiencia Nacional, que ditou sentenza favorable a ese sindicato. En procesos de negociación anteriores, CIC presentou outros conflitos colectivos sen que nunca prosperasen as súas demandas.

Estamos ante un feito sen precedentes na negociación no Sector de Aforro, un feito de extrema gravidade. Como sen dúbida é grave que fose ocultada esta situación aos traballadores e traballadoras das Caixas de Aforros.

É certo que nós formamos parte da Mesa Negociadora como sindicato máis representativo a nivel galego, pero non é menos certo que rexeitamos o acordo final agora anulado. Non debera ser nosa a responsabilidade de dar a noticia aos traballadores e as traballadoras.

Hai presentado un recurso de aclaración, polo que haberá que agardar aos vindeiros días para coñecer o alcance desta situación que pode obrigar a reabrir de novo a negociación colectiva nun momento, sen dúbida complexo, no sector financeiro.

Calquera acordo debe dar seguridade xurídica ás partes asinantes, polo que a actual situación debe ser un motivo de reflexión para os sindicatos e as empresas. Debe marcar un antes e un despois na negociación colectiva, tanto a nivel sectorial como a nivel de empresa: a prepotencia e o sectarismo non son boas conselleiras.

En todo caso, a xustiza non fixo máis que garantir o dereito de CIC a estar na mesa negociadora. Non cabe dúbida que as anteriores sentenzas desfavorables a ese sindicato levaron, na última constitución da Mesa Negociadora, a tomar unha decisión que agora se demostra foi errada.
En definitiva, só hai unha cousa clara: o convenio foi declarado nulo pola xustiza, ordenando remitir a resolución á Dirección Xeral de Traballo para os efectos legais oportunos. O Convenio está no aire.

2 comentários:

Elrohir disse...

E agora que?

delegado CCOO cabreado disse...

Otro triunfo de Chema Martínez, el portavoz de CCOO en la Mesa, artífice de la expulsión de CIC y candidato a secretario general de Comfia.

Metió la pata en la Sección Sindical de Caixa Galicia, metió la pata en el Convenio pero no dimite.