23.6.08

Reunións cos Grupos Parlamentarios e coa Consellería de Economía

Ante a situación que estamos a vivir en Caixa Galicia e o anuncio da emisión de cotas participativas e polo tanto a saída a Bolsa da Caixa de Aforros, dende a CIG anunciamos que non quedariamos calados e así comezamos a dar pasos.

Ao longo das últimas semanas viñemos mantendo reunións cos Grupos parlamentarios que dan apoio ao actual goberno galego, así como coa Consellería de Economía.

O pasado 10 de xuño mantivemos unha reunión co Grupo Parlamentario do PSOE, o día 11 de xuño co Grupo Parlamentario do BNG e o pasado 17 de xuño co Director Xeral de Política Financeira da Consellería de Economía.

Nestas reunións deixamos clara a nosa oposición á emisión das cotas participativas por parte das Caixas de Aforros Galegas por entender que son un paso de xigante para a privatización das Entidades.

As cotas participativas foron reguladas na Lei Financeira Estatal do ano 2002. Son un instrumento de renda variable que cotiza en bolsa. As cotas reciben anualmente unha remuneración na mesma porcentaxe que a Obra Social sobre os fondos de libre disposición. É dicir, minora a Obra Social das Caixas de Aforros.

Coa regulamentación actual as cotas poden ser adquiridas por particulares, pero tamén por empresas. É significativo que algúns Bancos xa inclúen no seu balance a conta “Cuotas Participativas de Cajas de Ahorros”.

Finalmente a Dirección de Caixa Galicia aparcou polo momento a posible emisión de cotas participativas, pero estamos ante unha “espada de Damocles” que ameaza a supervivencia das Caixas de Aforros, que poden acabar fagocitadas pola gran banca como aconteceu en gran parte de Europa, de aí a nosa oposición a súa emisión.

En relación á situación actual insistimos na conveniencia de afrontar unha reforma da Lei de Caixas de Aforros, para garantir, entre outras cuestións, un maior control sobre a xestión das Caixas de Aforros por parte da Consellería de Economía.

En definitiva, máis alá da paralización da emisión de cotas por parte de Caixa Galicia, pensamos que é preciso modificar a actual Lei Galega que regula a actividade das Caixas de Aforros, para garantir a súa supervivencia fronte aos procesos de privatización e para garantir un maior control sobre a xestión.

Sem comentários: