24.1.08

A realidade laboral estivo presente na Convención Anual


Tal e como anunciamos as Seccións Sindicais da CIG e UGT concentrámonos conxuntamente ante a Convención Comercial Anual de Caixa Galicia.

Quixemos denunciar conxuntamente a política laboral da Caixa Galicia, en especial a presión a que está sometido o cadro de persoal. Pero tamén para reclamar que se desbloqueen as mesas de negociacións abertas dende decembro con escasos avances.

Durante os últimos meses CIG, UGT e CSICA mantivemos abertas as mesas de negociación, mentres CCOO apostou por abandonalas. Este feito permitiulle a empresa bloquear a negociación das mesas de Emprego e Retribucións, Igualdade e Presenza no Traballo.

Pero a realidade laboral non estivo só fóra da convención, a dirección no seu discurso fixo fincapé en varias ocasións a presión comercial que padecemos os traballadores e traballadoras da Caixa Galicia.

Por primeira vez a dirección insistiu publicamente na necesidade de manter a tensión comercial ante a forte competencia no sector, pero que a tensión comercial non pode nin debe derivarse en presión laboral. Palabras que facemos nosas.

Agardamos que estas palabras non se queden nun mero discurso diante de 1.300 compañeiros e compañeiras. Só partindo do respecto ao persoal e dunha negociación leal poderase manter a paz social en Caixa Galicia, nun momento de máxima incerteza no sector financeiro. O balón está no aleiro da dirección.

Sem comentários: