2.5.07

Apoiamos a campaña da Mesa pola normalización lingüística


Manifesto Día das Letras 2007

TEMOS LINGUA PROPIA. QUEREMOS VIVIR NELA.

Hai un cuarto de século que o galego conseguiu un recoñecemento oficial que, aínda que foi insuficiente, o situaba no Estatuto de Autonomía como “lingua propia de Galiza”. Porén, o noso idioma, o único “idioma propio” que ten Galiza, continúa aínda moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade.

O Día das Letras non é momento para a retórica nin para a propaganda vacía. As persoas e entidades que apoiamos este manifesto reclamamos as medidas e as accións para garantir o dereito de todos os galegos e todas as galegas a poder vivir en galego. Porque sabemos que, cunha política lingüística decidida, o galego terá garantido o seu futuro.

Máis galego no ensino!

Estamos ás portas da aplicación dunha nova norma de galeguización do ensino. O novo decreto consensuado debe ser cumprido integramente no próximo curso escolar, pondo para iso a Consellaría de Educación todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Esta nova norma legal ten que supor un paso máis cara á plena galeguización do sistema educativo a medio prazo.

Máis galego na Administración!

Este 17 de Maio celébrase durante unha campaña electoral, o que representa unha oportunidade perfecta para reclamarmos aos participantes nese proceso un verdadeiro compromiso coa lingua. Elixiremos axiña os nosos representantes nos concellos, polo que facemos un chamamento a todas as candidaturas que comporán as cámaras municipais para o cumprimento da lexislación e dos acordos institucionais en materia lingüística.

Nese sentido, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento galego sinala unha serie de medidas que, malia faceren referencia directísima á Administración local, continúan sen ter plasmación na maioría das cámaras municipais.

Reclamamos que neste 2007 se poñan sólidos alicerces para a plena aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en todos os concellos, dirixindo tal proceso o Goberno galego.

Sen deixarmos de falar das administracións, temos que lembrar que o Consello de Europa recriminou en 2005 á Administración Xeral do Estado por converter o dereito ao uso do galego nunha auténtica carreira de obstáculos. Dous anos despois do denunciado por esta institución, a carreira de obstáculos continúa.

Un exemplo é a Axencia Tributaria, que nega a día de hoxe o dereito a utilizar o galego na inmensa maioría das xestións. Exiximos que, coa máxima urxencia, a páxina web da Axencia Tributaria teña opción plenamente en galego, incluídos todos os formularios e programas informáticos.

Máis galego nos medios de comunicación!

Un dos trazos do servizo público é o servizo á cultura, comezando polo respecto e o uso da lingua de cada país. Reclamamos que os medios públicos, for de titularidade estatal, for de titularidade galega, teñan en conta este principio.

Á RTVG demandámoslle:

- Unha mellora substancial na galeguización da publicidade, tendo o obxectivo do 100% a medio prazo. Sen isto, non se pode falar dunha TV propia e integramente en galego.
- A creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación, que asuma a tarefa de elaborar as lexendas e dobrar todos os filmes que se estreen nas salas comerciais, cedéndoas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións que poidan ter os dereitos de emisión de ditos filmes.
- Unha das normas de estilo da RTVG debería ser dar prioridade ás participacións en galego en tertulias, entrevistas, etc.
- Unha presenza mínima do 50% de música en galego na emisora Radio Galega Música.
- O comezo da emisión do segundo canal da TVG.
- Velar pola calidade do galego utilizado, tanto na escrita como na oralidade.

A RTVE exixímoslle:

- A recuperación dunha emisora de RNE en galego (Radio 4).
- Que as desconexións de RNE e TVE para Galiza se equiparen ás realizadas para Cataluña.
- Que, na emisión dixital, TVE ofreza versión en galego de todos os filmes, retransmisións deportivas e espazos infantís e xuvenís.
- Que as páxinas web de RNE e TVE conten cunha versión en galego.

Reclamámoslle á Secretaría Xeral de Comunicación e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependentes da Presidencia da Xunta, que negocien con firmeza estes adiantos para a nosa lingua nos medios de comunicación de titularidade pública. Ademais, deben garantir o cumprimento das condicións lingüísticas baixo as que se conceden as licenzas de radio e TV.

Máis galego no ensino, na administración e nos medios de comunicación!

Temos lingua propia! Queremos vivir nela!

1 comentário:

BREOGAN DIXO: disse...

ARDELLE O EIXO, CARBALLEIRA.... FUCHE TU, FUCHE TU, FUCHE TU QUEN CAGOU NO PALLEIRO, FUCHE TU, FUCHE TU...QUE AINDA LEVAS A PALLA NO CU.

ADIANTE KAMARADAS. GALIZA CEIBE...
DE FILLOS DE PUTA.