18.4.07

1 de Maio: Contra os recortes no sistema de protección social


Cando falamos de precariedade no traballo asociamos esta condición a todo un marco de desprotección que vivimos como clase traballadora, e que experimentamos nos diferentes ámbitos das relacións laborais. A indefensión ante o despedimento libre so asistido dunha indemnización cada vez máis reducida polas reformas, indefensión ante o fraude continuado nos modos de contratación, ante uns salarios deprimidos na súa capacidade adquisitiva polos pactos asinados estes anos en Madrid entre a patronal e o sindicalismo español, ante as prácticas abusivas e a veces delictivas das Mutuas contra a nosa saúde e tamén indefensión ante os continuos recortes da protección social, dos nosos dereitos de pensión e das coberturas da Seguridade Social.


Estas son diferentes caras da precariedade, máis acusadas en Galiza por razón da nosa dependencia política e porque a ausencia de soberanía non nós concede instrumentos para lexislar en favor das nosas traballadoras e traballadores. Constantemente vemos as distintas estatísticas de salarios, pensións, temporalidade, desemprego ou emigración dos nosos mozos e mozas, que referendan de maneira sistemática o peor e máis preocupante da nosa realidade social e laboral. Os propios datos de Facenda delatan situacións de pobreza real que afectan hoxe a máis do 15% da nosa poboación. Por tanto compre con urxencia o Marco galego de Relacións Laborais con plenas competencias, para dignificar as condicións de traballo e de vida no noso País.


O Goberno do PSOE non modificou as magnitudes da precariedade nin procurou subxectivamente capitalizar dereitos sociais e laborais en favor da clase traballadora, ou cando menos asegurar permanencia e estabilidade dos dereitos xa acadados e un reparto menos ofensivo e mais xusto da riqueza que crea o propio mundo do traballo. Contrariamente ao longo deste mandato foron sucedéndose as mesmas reformas de sempre, recorte de pensións e diminución das indemnizacións por despedimento, a maiores de incentivar os Pactos de contención salarial para maior beneficio e rendibilidade das empresas e empobrecemento dos salarios.


Na protección social a reforma que se aprobará antes do verán no Parlamento do Estado, negociada cos empresarios e os sindicatos UGT e CCOO, retrocede en dereitos universais ameazados polo interese do neoliberalismo para converter as prestacións públicas en negocio privado. O cómputo para o acceso á pensión endurécese ao non ter en conta as pagas extras, excluíndo a un 3% de demandantes do dereito á pensión, maioritariamente mulleres polos traballos a tempo parcial. Discrimina aos temporais dos fixos no caso da xubilación parcial ao esixir 6 anos de antigüidade na empresa e 30 anos de cotización, e estimula con fondos públicos o retraso na xubilación e continuación no traballo logo dos 65 anos.


Na mesma calidade da protección social a actuación das Mutuas cobra unha dimensión alarmante, os abusos continuados na negación e recoñecemento das baixas por accidente laboral, a xestión de altas indebidas cando a persoa non está completamente curada; acontece pola permisividade e tolerancia do Goberno que non instrúe medidas de control a traveso do INSS para frear estas prácticas de acoso. Moi ao contrario parece incentivalas coa transferencia de competencias e privatización de servizos que nestes últimos anos se derivaron ás Mutuas.


Neste 1º de Maio, día do Internacionalismo proletario, como sempre manifestamos a nosa confianza en que a clase traballadora é suxeito da transformación e da conquista dos dereitos universais no traballo e de todas as medidas de protección e alcance social. No sindicalismo Galego non vendemos estes dereitos nin trucamos a realidade diante de ningunha nova forma de Pacto ou diálogo social. A nosa loita é de toda clase traballadora Galega polos nosos dereitos de soberanía política e de liberación social.


GALIZA NACIÓN, AUTODETERMINACIÓN!

Sem comentários: