18.4.07

Avances importantes nas negociacións con Caixa Galicia


Os e as representantes da CIG continuamos a negociación coa Dirección da Caixa xa que, entendemos que despois das mobilizacións que realizamos ao longo dos últimos meses, estamos no momento do diálogo.


Debido á complexidade das materias a abordar, este proceso estase adiando máis do esperado, pero a día de hoxe avanzamos de xeito cualitativo nas seguintes materias:


Dotación de oficinas e equipos de substitucións. Unha parte importante do acordo ten como obxectivo que a rede comercial conte cos recursos humanos suficientes para facer fronte á carga de traballo das oficinas, dotando correctamente tanto a estas, como aos equipos de substitucións, como ao “Plano Verano”.


Emprego. O reforzo humano da rede comercial se traducirá nun medre do emprego e, neste senso, dende a CIG estamos apostando por reducir e limitar a temporalidade pulando polo emprego estable e con dereitos.


Presión/carga de traballo. O acordo recolle avances nesta materia; a empresa está disposta ao compromiso de “tolerancia cero” fronte ao acoso laboral. Está tamén disposta a ter en conta a carga de traballo das oficinas antes de introducir cambios organizativos (por exemplo antes de asignar novas funcións), así como a limitar o número de correos requirindo información comercial.


Conciliación. Avanzamos na concreción de novos dereitos e permisos laborais ao fío da nova Lei de igualdade.


Atracos. Por primeira vez a empresa, sen recoñecer que o atraco é un risco laboral, está disposta a asumir medidas de protección para o persoal que sexa vítima de atraco.


Xornada. Neste punto estamos tratando de atopar un punto de equilibrio no relativo ao control da xornada, nomeadamente no referido ás reunións fóra da xornada laboral.


Préstamos, anticipos e quilometraxe. Temos avanzado na mellora dos préstamos e anticipos, especialmente nos préstamos vivenda. A empresa está disposta a asumir unha suba do custe da quilometraxe máis alá do Convenio, para compensar a suba dos combustibles.


A decisión que tomamos como CIG de manter aberta a negociación, aínda que fose en solitario, foi atinada. A negociación pode torcerse, quedan importantes escollos que superar, pero pensamos que estamos no bo camiño.

2 comentários:

Anónimo disse...

Estase a prolongar demasiado no tempo. ou rematades xa a faena ou perdedes credibilidade.

Anónimo disse...

Hoy es día 27 de septiembre y todavía no hay nada. Perdisteis la credibilidad, sindicato de Avances Importantes.
Os gusta aparentar que os movéis pero pedaleais en una bicicleta estática.