8.3.07

Comeza a negociación do Convenio



Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, vén de constituírse en Madrid a Mesa Negociadora do Convenio Colectivo de Aforro.

A reunión reduciuse ao acto formal de constitución da mesa e de recoñecemento das partes lexitimadas para negociar.

Unha vez máis, a CIG está presente nesta Mesa Negociadora para que a voz dos traballadores e traballadoras das Caixas de Aforros en Galiza se escoite directamente e para trasladar todas as súas xustas reivindicacións.

Está prevista que a primeira xuntanza con contidos reais do convenio colectivo, teña lugar o día 29 de marzo ás 16:30. Será entón cando faremos pública a nosa plataforma reivindicativa que, en todo caso, xirará sobre cinco piares fundamentais:

- Descentralización da Negociación Colectiva.
- Recuperación do poder adquisitivo e novas fórmulas de participación no reparto dos beneficios.
- Regulación das cargas de traballo, con limitación da mobilidade funcional.
- Creación de emprego estable con dereitos e correcta dotación dos cadros de persoal.
- Redución da xornada laboral coa libranza dos xoves polo serán.

En todo caso, o anterior convenio colectivo supuxo un recorte nos salarios, nomeadamente do persoal apoderado e do de nova entrada; implantou a mobilidade funcional sen límites, o que está a xerar moita conflitividade en gran parte do sector; abaratou o custe salarial dos contratos temporais e abriu as portas para a externalización e deslocalización dos CPD’s. Entendemos que nesta nova negociación debemos introducir medidas que solventen estas cuestións.

Seguiremos informando.

Galiza, 8 de marzo de 2007

Sem comentários: