6.3.07

10 de Marzo, día da Clase Obreira Galega


A historia contemporánea dos traballadores e traballadoras galegas arranca daquelas mobilizacións e enfrontamentos sucedidos no ano 1972 nas cidades de Ferrol e Vigo, unha explosión social de dignidade que fixo agonizar á Ditadura mentres esta arrebataba as vidas de dous traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel.


Aquel movemento obreiro en Galiza, 35 anos atrás, comparte historia con tantas loitas do século XX realizadas sempre pola clase traballadora, e que instigaron os cambios máis importantes na humanidade. Os dereitos hoxe recoñecidos no mundo do traballo teñen os antecedentes en numerosas loitas como as do ano 72.


As demandas dos operarios da Bazan no mes de marzo daquel ano, como posteriormente reclamaron en Vigo no mes de setembro o Naval e o Automóbil, pretendía algo tan elemental e propio como indiscutido hoxe, o dereito a negociar os Convenios, a negocialos aquí co exercicio de opinión, a palabra e a participación dos traballadores e traballadoras. Para isto debía rematar o centralismo da Ditadura e a práctica do sindicalismo vertical.


Hoxe e logo de todas aquelas conquistas, o sindicalismo de UGT e CCOO volve a parecerse a aquel sindicalismo vertical que se refuxiaba en Madrid e eludía o dereito de participación e decisión da clase traballadora. Por sexto ano consecutivo asinan na capital do Estado, novamente o Pacto para “aumentar” moderadamente sobre un 2% os salarios nos Convenios, ignorando a relevancia de numerosas estatísticas que indican nos últimos dez anos un incremento dos salarios inferiores á inflación. Eles o saben, a clase traballadora perde poder adquisitivo, os salarios se empobrecen, pero continúan nesa práctica escandalosa de sindicalismo de cúpulas.


Neste 10 de Marzo, por tanto, volta a ter actualidade moitas das reclamacións do ano 1972, todo aquel movemento pola dignidade, contra a precariedade das condicións de traballo, por Convenios aquí e salarios dignos. No sindicalismo nacionalista Galego, sabemos que o poder para cambiar as cousas, para crear un reparto máis xusto da riqueza e un mundo do traballo pleno en dereitos, conseguirémolo coa nosa loita e a conquista dun Marco Galego de Relacións Laborais e en definitiva coa soberanía política na Galiza. Porque o dereito a decidir correspóndenos a nós.

1 comentário:

Anónimo disse...

O GRAN XEFE TIÑA PENSADO POÑER UNHA ESTATUA MOI SEMELLANTE EN RUA NOVA. EL ESTABA ENRIBA PERO EN VEZ DE VOTAR A MAN PISABALLE A CACHOLA OS OBREIROS QUE TIÑA APALEADOS ENBAIXO.