30.3.07

As Caixas pretende afondar no novo modelo laboral


Na primeira reunión do convenio fixemos entrega da nosa Plataforma e demos unha explicación das liñas básicas do que debe ser o novo convenio colectivo. Por parte da ACARL fíxose unha exposición xeral sobre os contidos do que debe ser o novo convenio para as Caixas de Aforro, incidindo na necesidade de flexibilizar aínda máis a xestión dos recursos humanos.


Outro dos puntos que para a patronal debe ser abordado neste convenio é a antigüidade, que pretenden reorientar a actividades, funcións ou conceptos salariais que aporten maior valor engadido ás empresas. Pretenden ampliar tamén a mobilidade xeográfica. Por último, en canto a salarios, precisan que hai que agardar a ver o resultado global da negociación antes de poder facer propostas concretas.

Esta é a plataforma da CIG entregada a ACARL:

Plataforma Galega para o Convenio de Aforro

Ámbito persoal e funcional

Incluír ao persoal empregado nas Obras Benéfico-Sociais das Caixas.

Vixencia

Ano 2007.

Retribucións

-Suba salarial ano 2007: Suba IPC definitivo 2006 + 3 puntos (5,70%).
-Garantir o dereito a percibir as pagas establecidas no artigo 50.2 do Convenio Colectivo. Redución das porcentaxes para o seu cobro.
-As empresas facilitaran á representación sindical datos sobre as retribucións medias do persoal desagregados por xénero e grupos e niveis salariais co fin de elaborar medidas positivas.

Regulación cargas de traballo


A nivel de empresa negociarase un sistema de regulación das cargas de traballo co fin de fixar o número de persoas a asignar a cada oficina. Para establecer este baremo terase en conta, entre outros rateos, o volume de negocio, o número de operacións, o incremento demandado nos obxectivos comerciais e o persoal adscrito á rede de oficinas.

Xornada e tempo libranza

-Adaptación da xornada en cómputo anual á xornada real: 1.590 horas ao ano.
-Xornada laboral: 35 horas en cómputo semanal.
-Horario: Libranza dos xoves polo serán con horario de 8:00 a 15:00 horas.
-Vacacións: 27 días hábiles de vacacións. Interromperanse as vacacións cando se produza unha IT que supere os 10 días de baixa.
-Permisos: Licenza retribuída de 6 días sen xustificacións. Ampliación do permiso por lactación ate os 12 meses de idade.
-Premio 25 anos de servizo: Unha paga extra e 27 días hábiles máis de vacacións. Por cada dez anos de servizo na empresa o/a traballador/a terá dereito a 2 días máis de vacacións ao ano.
-Horas extras: Calquera extensión da xornada laboral deberá ser comunicada previamente aos Comités de Empresa.
-Formación: Para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, a formación farase dentro do horario establecido, co fin de facilitar a participación das persoas con cargas familiares.

Mobilidade xeográfica

Dada a dispersión da poboación e a propia orografía do país, eliminar en Galiza.

Emprego


-Eliminación nivel XIII.
-Oferta Pública de Emprego: Regularase o aceso ás Caixas de Aforros mediante oposicións públicas.
-Contratación: Será en todos os casos mediante contratos indefinidos cun período de proba máximo de 3 meses.
-Calquera contratación temporal dará dereito á percepción dunha indemnización de sete días por mes traballado que se pagará rateada en cada nómina.
-Utilización de ETT´s: Durante a vixencia do Convenio as entidades comprometeranse á non utilización dos contratos de posta a disposición. O persoal que durante os últimos anos fora contratado por medio desta modalidade, formará parte dunha bolsa para a súa incorporación ao cadro de persoal das empresas.


Mobilidade funcional

Dividir o Grupo profesional I en dous grupos:
Grupo Técnicos: do nivel I ao nivel V
Grupo Administrativos: do nivel XII ao nivel VI.

Carreira Profesional

-Alongar a carreira profesional ata o nivel VI. Redución dos anos previstos para o ascenso.
-Calquera posto de apoderada/o ou con responsabilidade en calquera departamento ou oficina terá nivel V, a consolidar en 2 anos.
-Cando unha traballadora ou traballador contratado temporalmente sexa nomeado para un posto de responsabilidade, o contrato transformarase automaticamente en indefinido.
-Creación dun catálogo de postos definindo funcións e o nivel salarial correspondente.

Saúde Laboral

-Recoñecemento dos postos de ventaíña como postos de traballo PVD (pantallas de visualización de datos). Regulación como dereito das recomendacións establecidas na Lei de Saúde Laboral.
-Implantación de medidas pactadas para facer fronte ao atraco como risco laboral.
-A representación sindical poderá recusar á Mutua que xestione as baixas.

Previsión Social

No ano 2003 incrementouse nun 7% a porcentaxe da base reguladora para o cálculo das prestacións por viuvez. As Caixas mantiveron nun 50% o complemento de pensións por conta da empresa, co conseguinte beneficio para as empresas. Incrementar o complemento de pensións de viuvez.

Comisión Pola Normalización Lingüística

Esta Comisión constituirase como contribución á normalización lingüística do uso do galego nas relacións laborais, garantindo o dereito das traballadoras e traballadores a utilizar o seu idioma propio.
Velará pola realización de cursos de idioma galego dentro dos Planos de Formación Profesional; a súa asistencia e bo aproveitamento do curso serán compensadas cun permiso especial de dous días libres.
As Entidades procederán á normalización de todos os impresos, operativa e da normativa interna da empresa nas diversas linguas oficiais do Estado.
Como criterio xeral para a cobertura de vacantes en oficinas situadas na Galiza, as Entidades comprometeranse a nomear traballadoras/es con coñecemento do galego falado e escrito.

Persoas con discapacidades

Dado o fin social das Caixas de Aforros, estas comprométense a elevar ata un 5% a contratación de persoas con discapacidades.

1 comentário:

Anónimo disse...

BENQUERIDOS COMPAÑEIROS/AS FALLA O FUNDAMENTAL:
"MARCO GALEGO DE NEGOCIACIÓN COLECTIVA". EIQUI TRABALLAMOS, EIQUI NEGOCIAMOS.

QUE O TODO PODEROSO OS ARME DE VALOR E PACIENCIA, PORQUE SE VOS DA FORZA SODES CAPACES DE ESMAGARLLE OS MIOLOS A ALGUNS.