2.3.07

Abuso de poder consentido en Ferrol


Transcribimos texto comunicado da Sección Sindical da CIG na Caixa Galicia repartido a todos os traballadores e traballadoras da empresa.

Por moito que sexan desgraciadamente habituais os abusos de poder en Caixa Galicia, non podemos permitir que cheguen a verse como algo normal. Os ceses de apoderados e apoderadas con idades que superan os 50 anos son algo cotián; semella, porque non dan explicacións, que chegados a esta idade non cumprimos o perfil e deixamos de ser traballadores e traballadoras válidos polo feito natural de cumprir anos. Só para o staff da alta Dirección chegar a esta idade non supón un hándicap. Xa se sabe: nós envellecemos, eles maduran.

Por moito que o convenio do sector e a lexislación xeral chegaran a permitir que os traballadores e traballadoras, como man de obra que somos, sexamos abertos en canal, eviscerados e que a nosa carne sexa vendida ao quilo na Praza de Abastos, pensamos que persoas con 36 anos de servizo na empresa merecen algo máis.

Os ceses teñen un forte impacto psicolóxico para quen o sofre, especialmente cando a única explicación recibida é que “queren xente coa mente en branco”. Como mínimo unha persoa cando é cesada debería ter un destino fixo, un posto de traballo adecuado a súa irreprochable traxectoria, os seus coñecementos e os seus méritos.

Non é de recibo que te cesen despois de 36 anos de servizo, sen ter unha explicación e padecendo a incerteza de que cada día a Xefa da Zona 2.2 de Ferrol, segundo o humor con que se levanta da cama, cambie de parecer sobre cal será o posto de traballo de destino dunha persoa cesada inxustamente.

Máis cedo que tarde as persoas que hoxe abusan do seu poder, serán cesadas sen explicación como xa lles pasou a outras. Terminarán por saber que o sabor do cese é amargo, pero será demasiado tarde.

Sem comentários: