26.10.06

600 traballadores e traballadoras de Caixa Galicia dixeron NON á presión

Coa asemblea celebrada o día 25 na cidade de A Coruña e a celebración dunha nova en Lugo, en total case 600 persoas asistiron ás principais asembleas convocadas pola CIG en Caixa Galicia para analizar a situación creada polo proceso de bancarización e para decidir as medidas a tomar. É a primeira vez que un número tan significativo de traballadores e traballadoras de Caixa Galicia participan nunhas asembleas deste tipo.

Para a Sección Sindical da CIG o balón está hoxe no tellado da Dirección; as asembleas son un termómetro da temperatura laboral na empresa e está claro que Caixa Galicia está enferma.

Nos últimos dous anos a empresa está afrontando un cambio de modelo organizativo; gran parte da anterior estrutura comercial foi apartada das súas responsabilidades, sendo substituída por numerosos fichaxes procedentes do sector da Banca Privada. Deste xeito a equipa directiva, pretende axilizar a transformación da primeira caixa de aforros galega nun banco privado.

A sobrecarga de traballo, as descualificacións e os insultos aos traballadores e traballadoras como modo de actuación institucional por parte da Dirección da empresa, así como a aplicación unilateral de medidas laborais que empeoran a situación do persoal, son algunhas das cuestións denunciadas ao longo das asembleas.

Pero a nova política comercial tampouco gusta ao persoal, xa que o novo “estilo” implica comercializar produtos financeiros que para moitos empregados e empregadas atentan contra o seu código ético e contra a súa profesionalidade.

O descoñecemento por parte dos novos directivos comerciais da realidade das caixas de aforros, en concreto da grande diferenza da clientela tipo das caixas (pequenos e medianos aforradores, pensionistas, traballadores/as con nómina domiciliada, etc.) e a maior carga de traballo administrativo que xera este tipo de clientela respecto á clientela tipo dos bancos, está provocando un colapso na rede de oficinas e a sobrecarga de traballo no persoal.

Nos vindeiros días reunirase a Comisión Permanente da Sección Sindical da CIG en Caixa Galicia para analizar con maior profundidade o alcance das asembleas así como os seguintes pasos a tomar, sen descartar ningún tipo de medidas de presión.

Os traballadores e traballadoras de Caixa Galicia están en disposición de moverse para defender as súas condicións laborais e para reivindicar un modelo de xestión propio dunha caixa de aforros, e solicitan que todos e cada un dos pasos que se dean conten co máximo respaldo de toda a representación sindical e de todo o cadro de persoal.

5 comentários:

Anónimo disse...

A CIG movendose e dando a cara coma sempre, ¿onde andan os comfiados¿

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Anónimo disse...

É importante que todos/as que participastes nas asembleas expalledes unha mensaxe de tranquilidade os temerosos. Non pasa nada por acudir o chamamento dos sindicatos. Nas próximas (que as haberá) temos que deixar os locais pequenos ca nosa presencia.

Forza Compañeiros/as.

Anónimo disse...

Adiante o home do seiscento!
Ese Chema!!

Anónimo disse...

Por muy larga que sea la tormenta, el sol siempre vuelve a brillar entre las nubes.
Khalil Gibran (1883-1931) Ensayista, novelista y poeta libanés.