5.10.10

Cerimonia de confusión

A día de hoxe, as Caixas non remitiron copia do acordo asinado o luns día 4 de outubro, malia que o temos solicitado para poder facer unha avaliación completa do mesmo. Despois fan convites a sumarse ao acordo.

Coñecemos o texto do pre-acordo asinado o 30 de setembro polo serán, que tiña diferenzas sobre o presentado na mesa ás 11:30 da mañá. Por exemplo, ás 11:30 garantíase a carreira profesional por antigüidade de Caixa Galicia para todo o persoal (ata nivel VI por antigüidade), pero no pre-acordo asinado pola tarde, ese dereito desapareceu misteriosamente (quizais a defensa da carreira profesional ata nivel VI sempre foi unha cuestión que só lle importou á CIG).

Así mesmo, hai diferenzas entre o acordo publicado na web de algún sindicato asinante e o comunicado no que din que se incluíron novas garantías en materias de emprego. Ou o acordo publicado na web sindical non é o asinado, ou directamente non existen no acordo as garantías das que falan.

Malo é que sexan as Direccións de RR.HH. e as cúpulas de ambas empresas as que teñan que saír nos medios a dicir que este é o mellor acordo do sector (¿será para as empresas ou para os traballadores/as?). Pero despois gardan o texto asinado baixo sete chaves, a salvo de miradas críticas.

Como malo é que falasen de austeridade durante toda a negociación e celebren o “pacto” con pompa e boato no Hostal dos Reis Católicos.

En definitiva, semella que hai un acordo, pero a día de hoxe non é público; non sabemos que garantías recolle nin cales non recolle. Unha cerimonia de confusión alimentada interesadamente polas Direccións.

Sem comentários: