5.10.10

As Caixas prefiren un acordo con escaso aval sindical

Hoxe, 30 de setembro, as Caixas anunciaron un acordo con parte da representación sindical. Dende a CIG, independentemente de que non formamos parte dese acordo, e de que nos vindeiros días tomaremos a decisión definitiva sobre a nosa posición, a día de hoxe, queremos destacar tres cuestións básicas:

1º.-Como sindicato nacionalista non podemos asumir que, a maiores dos recortes previstos na rede comercial, as caixas pretendan recortar 470 postos de traballo na Coruña e Vigo (algo que coñeciamos dende o principio), e non estean dispostas a asumir un compromiso de non aproveitar a ocasión para externalizar servizos subcontratando con terceiras empresas e que, carga de traballo que actualmente realizaban traballadores e traballadoras de servizos centrais na Coruña e Vigo, poda rematar fóra de Galiza. A negativa das caixas a asumir este compromiso non deixa de ser unha afirmación da súa vontade oculta. Un feito gravísimo ante o que a Xunta de Galiza non pode gardar silencio. O que está sucedendo cos Servizos Centrais do Banco Gallego, empresa participada por Caixanova, non deixa de ser un motivo de alarma.

2º.-Como sindicato de clase, temos que dicir que existía un compromiso verbal para incluír unha cláusula de garantía para o persoal da Obra Social, da Fundación, das Empresas auxiliares e Empresas de servizos. Centos de postos de traballo veranse afectados pola fusión, sen que exista ningún tipo de garantía de que o proceso sexa non traumático e negociado.

3º.-Dende unha óptica estritamente laboral, temos que dicir que nos últimos días celebramos asembleas nas que os traballadores e traballadoras nos transmitiron a súa visión sobre o proceso. Tiñamos pactadas asembleas conxuntas en Ferrol, Santiago, A Coruña, Lugo e Pontevedra. A sinatura deste acordo frustra este proceso de dar a oportunidade da participación dos traballadores e das traballadoras nun proceso que nos afectará a todos e a todas. É certo que asumiron algunha das garantías propostas pola CIG e polas asembleas, pero NON todas, e nese sentido, pensamos que a negociación remata cando aínda quedaba camiño por andar.

Temos claro que por responsabilidade sindical estivemos ata o último momento traballando para conseguir un bo acordo, e dende logo, como ata agora, actuaremos con responsabilidade e tomarémonos o tempo que necesitemos para decidir a nosa posición definitiva.

Sem comentários: