Somos conscientes da situación que viven os cadros de persoal, nomeadamente os compañeiros e compañeiras que agardan poder acollerse ao futuro plan de prexubilacións. Dende a CIG compartimos a vosa inquedanza e queremos trasmitirvos as nosas impresións a día de hoxe.
Por unha banda as Caixas anunciaron que as prexubilacións faranse de xeito escalonado acompasadas co peche de oficinas, non haberá polo tanto un plan aberto e universal inmediato.
Por outra parte o coñecido como Plan de Axuste de Zapatero do pasado mes de maio incluíu o fin do período transitorio para as xubilacións a tempo parcial con contrato de relevo, unha figura moi utilizada por ambas entidades ata o día de hoxe.
O goberno central prepara tamén a contrarreforma da Seguridade Social, propuxo alongar a idade de prexubilación de xeito progresivo ata os 67 anos. Segundo algúns medios a proposta actual, que pode someterse a cambios, alongaría a idade de xubilación dende os 65 anos e 2 meses para os nados no 1949; ata os 66 anos e 2 meses para o persoal nado no 1955 (e 67 anos para os posteriores ao ano 1960). A reforma pode afectar tamén a idade da xubilación anticipada (á que deberían acollerse os prexubilados), aos coeficientes redutores e as bases de cálculo.
Non sabemos cal será a idade definitiva que fixarán na nova reforma que todos e todas deberemos combater coa folga xeral do 29 de setembro. En todo caso nos preocupa enormemente dotar da máxima seguridade xurídica ás prexubilacións.
A partida orzamentaria que teñen as Caixas para “desvincularse” das 1.200 persoas “excedentes” está pechada, encarecer as baixas incentivadas (son despedimentos pagados) irá ademais en detrimento das prexubilacións. A CIG non quere nin apoia as baixas incentivadas nin outras medidas traumáticas, queremos negociar unhas boas prexubilacions.
Agardamos coñecer a proposta das Caixas e os datos desagregados por provincias dos “excedentes” antes de facer ningún tipo de contraproposta. Nos preocupa que nalgunha provincia os “excedentes” podan superar aos “prexubilables”, nomeadamente en Ourense e Pontevedra onde o número de solapamentos é maior, o que podería implicar tamén maior mobilidade xeográfica ou outro tipo de medidas.
Preferimos ser realistas e atender as circunstancias actuais antes de crear falsas expectativas, o marco laboral da fusión é complexo e está contaminado polas continuas modificacións legais e contrarreformas do goberno do PSOE. Debemos loitar contra a contrarreforma laboral e da Seguridade Social participando na Folga Xeral do 29 de setembro. E os recortes que non admitimos con carácter xeral, tampouco os admitiremos nas Caixas nin para os que “marchen”, nin para os que “queden”.
Sem comentários:
Enviar um comentário