30.6.10

Non hai que laiarse, hai que actuar

Na reunión do día 28 as Caixas repetiron o guión anterior, informaron (sen facilitar documentación) sobre os datos xerais que xa coñecíamos sen darnos maior información da que xa coñecedes polos medios de comunicación.

Así mesmo pretendían reunirnos o día 6 de xullo para “comezar a falar de como iamos a constituír a futura mesa de negociación”. Finalmente, despois dunha posición de forza sindical, as Caixas fixeron unha contraproposta de mesa e dun calendario de reunións. Ao longo do mes de xullo haberá unha reunión semanal, dúas na última semana e na primeira de agosto valorarase manter 1-2 reunións ou deixar a negociación para setembro.

As Caixas pretenden adiar o proceso, entendemos que a espera da posible venda de oficinas. Deben valorar que o custe da fusión, das prexubilacións e da homologación será distintos si venden oficinas ou non. Alegan que non hai comprador para as oficinas, pero semella que mentres non o teñan claro pois tocará esperar por moito que se senten na mesa.

Pola parte sindical houbo queixas pola falta de información e porque non se facilite ningún tipo de documentación. Neste senso dende a CIG xa temos ampliado a denuncia presentada na Inspección de Traballo o día 21 de xuño, pensamos que non hai que laiarse, hai que actuar para defender os nosos dereitos.

Prexubilacións

O plan de axuste do goberno central inclúe o fin do período transitorio nas xubilacións anticipadas a tempo parcial, unha figura que ata o de agora foi utilizada polas Caixas.

Ademais a anunciada reforma da Seguridade Social semella que incluirá tamén alongar a vida laboral (pode que ata os 67 anos).

Estas dúas cuestións e outros contidos da reforma laboral (como o amplo abano de posibilidades para as empresas por causas “organizativas”) condicionan o marco da fusión, nomeadamente das xubilacións anticipadas e prexubilacións. Debemos ser cautelosos nas nosas formulacións, por exemplo para evitar que a futura reforma afecte negativamente ao persoal xa prexubilado.

Sem comentários: