12.5.10

A CIG considera positiva a fusión e reclama a apertura da negociación

A Confederación Intersindical Galega considera positivo o anuncio de fusión de Caixa Galicia e Caixanova, xa que permitirá que o país conte cunha gran caixa de aforros con capacidade para xestionar os aforros dos galegos e as galegas para crear riqueza e emprego no país.

Existía un claro perigo de deslocalización e desterritorialización das caixas de aforros galegas, a través da súa absorción por entidades de fora de Galiza. Un perigo conxurado polo nacemento dunha nova caixa de Galicia que deberá xestionar o aforro dos galegos e galegas para xerar riqueza, emprego e benestar no país.

Porén, a CIG lamenta que a Xunta de Galicia, que recorreu aos sindicatos para conseguir apoios nos momentos difíciles, prescindira de nós na segunda fase do proceso de fusión, malia que demostramos o noso compromiso, lealdade e responsabilidade con Galiza.

Mesa de negociación

En todo caso unha vez coñecido o reparto de poder entre as dúas cúpulas actuais, que até o de agora dificultaba a fusión, a CIG exixe a apertura inmediata dunha mesa de negociación para abordar todo o relacionado co emprego e as condicións laborais, tanto para o persoal das Caixas como da Obra Social, das empresas auxiliares e das empresas de servizos (seguridade, limpeza, mantemento, etc). En total son mais de 10.000 postos de traballo os ligados ás Caixas de Aforros.

Así mesmo consideramos preciso coñecer o custe económico e social da fusión, entendido como se serán precisos desinvestimentos en empresas estratéxicas para Galiza (como R, Pescanova, eólicas, etc); o impacto sobre o orzamento da Obra Social; ou cal será a expresión real do reparto das sedes (2.000 persoas traballan nos Servizos Centrais en Vigo e A Coruña).

Pero non é menos importante, coñecer o novo modelo de xestión para evitar os erros do pasado, a especulación financeira e no sector inmobiliario. Para a CIG a nova Caixa debe apostar claramente por unha xestión ligada aos sectores produtivos que permita superar á crise económica. Pero tamén un modelo de xestión sostible respectuoso cos clientes, favorecendo a inserción financeira de quen menos ten.

A CIG agarda tamén que se clarifique canto antes o futuro da entidade despois do acordo en Madrid entre PP e PSOE para modificar a lei de Caixas estatal co fin de privatizar as Caixas de Aforros. Non sería de recibo que Galiza afronte o custe económico, social e laboral dunha fusión e que posteriormente a Caixa sexa privatizada por un acordo en Madrid e sexa entregada á gran banca.

1 comentário:

preocupado disse...

Que vai pasar cos servizos externalizados das caixas galegas? En Caixa Galicia a empresa Hewlett Packard leva, entre outras, a prestación de servizos na banca telefónica e na xestión de procesos financeiros (prestamos hipotecarios, tarxetas...)