A federación de Banca e Aforros da CIG vén de remitir un comunicado referido a actual situación de bloqueo na que se atopan as negociacións arredor da fusión de Caixa Galicia e Caixanova no que reclama firmeza perante a actitude das direccións de ambas as entidades para que remate "coa chantaxe a toda a sociedade galega por parte dos máximos directivos".
Ante o bloqueo da negociación da fusión de Caixa Galicia e Caixanova por intereses bastardos, por meras disputas de reparto de poder entre as dúas Direccións, cando finalmente ata o Banco de España tivo que recoñecer como viable, queremos deixar clara a nosa posición.
A crise económica está tendo no Estado e en Galiza, un maior impacto sobre o emprego que noutras economías europeas, sen dúbida debido a moitos factores, entre eles ás restricións ao creto. As dificultades para acceder ao financiamento por parte das pequenas e medianas empresas, e a xustificación de ERE´s e despedimentos. Dificultades que chegan a empresas con carga de traballo, pero que non conseguen financiamento.
A posible recuperación económica, a saída galega da crise, vai vir condicionada pola recuperación do creto ás persoas e ás pequenas e medianas empresas; para iso é precisa unha rápida reestruturación do sector financeiro, nomeadamente das Caixas de Aforros Galegas. Nin Caixanova nin Caixa Galicia, en solitario, poden seguir financiando a economía galega co ata o de agora.
Galiza, asfixiada por un modelo de financiamento autonómico discriminatorio e ante o recorte dos fondos europeos a medio prazo, debe contar cunha gran Caixa de Aforros capaz de xestionar os recursos e o aforro dos galegos e das galegas, para crear riqueza, emprego e benestar no país.
Se en calquera circunstancia a posición da Dirección de Caixanova sería reprobable, neste escenario económico, boicotear a fusión, é aínda mais grave.
Por outra parte, ao longo dos últimos meses os traballadores e traballadoras das caixas vivimos unha dura campaña, poñendo en dúbida a viabilidade da fusión, e incluso dunha das caixas, por parte de irresponsables políticos que agora se demostran defendían exclusivamente os intereses personalistas.
Dende a CIG-Banca e Aforro entendemos que os políticos deben transmitir confianza sobre o sistema financeiro galego, todo o contrario do que fixo o PSOE ao longo deste proceso, malia ser responsable das dificultades que podan ter as Caixas por un control deficiente por parte do anterior Conselleiro de Economía, do Ministerio de Economía e do BdE.
A opacidade das dúas direccións e da Xunta de Galicia durante esta fase da negociación, malia ser conscientes das consecuencias laborais da fusión, provocaron unha maior incerteza entre o persoal.
A data de hoxe, non temos constancia do número de centros de traballo afectados, da posible segregación e venda de oficinas nin do número de postos de traballo que queren amortizar.
Neste senso, queremos denunciar que a suma dos salarios das altas direccións das dúas caixas, os 21 que discuten entre eles para seguir no seu cargo, equivalen a 700 postos de traballo coa máxima categoría de convenio para o persoal administrativo que se acada tras 22 anos de servizo nas empresas. Un escándalo maior se temos en conta o diñeiro público recibido ata hoxe e o que piden.
Por todo o exposto agardamos maior firmeza por parte da Xunta de Galicia fronte ás voraces e insaciables Direccións, e que remate coa chantaxe a toda a sociedade galega por parte dos máximos directivos; o “ou sigo eu, ou non hai fusión” debe pasar á historia.
Sem comentários:
Enviar um comentário