O venres 15 de xaneiro ás 11.30 da mañá tivo lugar unha rolda de prensa convocada pola comarca de Vigo da CIG para clarificar a postura da CIG diante da cuestión das caixas, diante das numerosas novas que sobre este tema apareceron nas últimas semanas nos medios de comunicación. Asi, compareceron o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero e Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca.
Comezou o secretario comarcal da CIG de Vigo salientando a necesidade de ofrecer esta rolda pola situación xerada en Vigo e pola cantidade de información, "para todos os gustos", que estaba a haber sobre o tema da fusión das caixas.
Privatización co SIP "O SIP suporía a privatización de Caixanova e polo tanto deixaría de estar a súa sede central en Vigo, entre outras graves consecuencias que pasaremos a explicar, porque a campaña localista que se está artellando desde a alcaldia do concello de Vigo e outros non nos leva a nada e non se entende moi ben, senón é polos procesos electorais posteriores que se podan dar", subliñaba Otero. Ademais lembrou que Caixanova ven dun proceso anterior de fusión de Caixavigo, Caixaourense e Caixapontevedra, polo que "esta é unha caixa que lle pertence tamén aos cidadáns de Ourense e Pontevedra e do resto dos pobos e cidades de Galiza que puxeron a súa confianza nesta caixa".
A preocupación principal son os traballadores/as A situación dos traballadores/as da caixa é a principal preocupación para a central sindical nacionalista "porque as fusións sempre foron traumáticas e sempre foron negociadas co persoal para diminuir os seus efectos, mais se está a falar moito desta situación pero non con nós", engadiu o secretario comarcal da CIG de Vigo, quen lembrou que "antes habia unhas prexubilacións que agora xa non existen".
Retirada do FROB "A nós gustaríanos que non houbera fusión pero nos movemos nun marco político e financeiro determinado, marcado polo Real Decreto 9/2009 de creación do FROB, que obriga a este tipo de fusións. Se o PSOE de Abel Caballero aposta realmente porque Caixanova continúe como caixa en solitario que retire esa normativa, que retire o FROB e nós estariamos de acordo e iso sería o mellor", insistiu.
Asi, Otero manifestou que "o que se está a facer con toda esta campaña mediática é deteriorar aínda máis Caixanova aqui en Vigo por unha cuestión electoralista. Caballero que lle pida ao seu partido que retire o FROB, e está nun bo momento de facelo, porque mesmo esta normativa está no aire, moi cuestionada, polo que as caixas catalás suspenderon a súa operación de fusión. Aqui o queren é privatizar e centralizar as caixas".
Lembrouse asi que nos comezos dos 90 tamén se fixo a mesma operación con Argentaria, que rematou por integrarse no BBVA, e fixo fincapé Serafin Otero en que "é o mesmo tipo de operación, coa mesma vontade, pero pior feito".
"Cunha fusión é o coa operación coa que menos deterioro hai para os traballadores/as, e se é unha fusión das caixas galegas habería que contar coa Xunta, para que fixera unha aportazón para que fora o menos traumático posíbel", reiterou.
Campaña de información e mobilización
O secretario comarcal da CIG de Vigo anunciou que "como CIG faremos unha campaña de información local e nacional para informar do que aconteza neste proceso, e no caso de que o camiño fora por un SIP estariamos dispostos a mobilizar a todo o sector. Non podemos permitir que se xogue co futuro dos traballadores como están a facer algúns políticos".
Aposta polas caixas galegas
Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca, comezou a súa intervención sinalando que "Caixanova só pode seguir en solitario se o goberno Zapatero retira o Real Decreto 9/2009 de creación do FROB. Se non é asi deberá afrontar unha alianza dentro de Galiza ou unha alianza fóra do país. E ante este escenario a CIG aposta porque siga existindo unha entidade galega e baixo control público".
Asi, "se hoxe se está falando dunha fusión é por unha orde de ZP e do Banco de España", recordou.
Sobre o debate para que haxa unha centralización das caixas de aforro, cualificou este debate de "ficticio", xa que o que se pretende é privatizar as caixas, e en concreto as caixas galegas.
Vontade privatizadora
Montero denunciou que "se quere someter as caixas á disciplina do mercado, e nese sentido queremos denunciar a aposta que se está a facer polo SIP, que convertería a Caixanova nunha marca comercial pero sen ningún tipo de actividade financeira", e engadiu que "os empresarios máis rancios de Vigo defenden o SIP porque queren que a caixa sexa deles mediante unha mera cuestión accionarial".
As caixas de aforro de distintas comunidades que integren un SIP crearán un Banco ao que trasladarán toda a actividade financeira real, un Banco con sede en Madrid. As políticas de préstamos e cretos, ou os investimentos en empresas, se decidirán nese novo banco, non na caixa nin en Vigo.
O secretario nacional da CIG-Banca expuxo que "hoxe a caixa reverte na sociedade os beneficios a través da Obra Social e Cultural, mañá, co novo banco, os beneficios repercutiran nos petos dos empresarios que se queden con ela", e destacou que "o SIP vai máis alá, como anunciou a Dirección de Caixanova, supón desguazar a caixa, o que terá graves repercusións laborais".
"Caixanova está en perigo"
Rematou esta rolda de prensa cunha aposta clara pola defensa da continuidade das caixas de aforro fronte á privatización que defenden o PSOE e os empresarios, e a defensa de que continúen sendo galegas para que o aforro dos galegos e galegas repercuta no país creando riqueza e postos de traballo. "Caixanova está en perigo, pero non por unha fusión con Caixa Galicia, senón porque os empresarios e o goberno ZP queren privatizalas. Insistimos en que só se o Goberno central retira o decreto do FROB, Caixanova poderá seguir en solitario", finalizou.
Sem comentários:
Enviar um comentário