16.1.10

Así nos afectan os acordos horarios da banca

A implantación de todas as tardes dos xoves como laborais a cambio de librar algúns sábados, foi unha renuncia sen sentido, como demostraron os acordos posteriores asinados pola CIG de libranza absoluta dos sábados sen contrapartidas (como no Banco Caixa Geral).

O certo é que os xoves non callaron, como tampouco os sábados. A existencia de diferentes horarios especiais no sector, non lle permitiron ás empresas crear hábitos entre a clientela. Así mesmo, a cada vez maior penetración das canles alternativas de servizo, ten reducido a importancia dos horarios de apertura fóra dos habituais.

En relación aos sábados, hai que pensar que os mercados financeiros e de capitais non abren os sábados; por outra parte, o mercado financeiro único no seo da Unión Europea, dará un paso adiante debido a profundización progresiva dos sistemas únicos de pagos xa existentes, con novas plataformas de servizos.

Coa implantación do TARGET2, a constitución dunha plataforma de pago única compartida a nivel europeo para grandes pagos. E coa implantación dunha nova fase do SEPA, unha zona única de pagos, dirixida á cidadanía para que poda realizar pequenos pagos en toda a zona dende unha conta bancaria única (centralizará as transferencias, adeudos, pagos, tarxetas, etc., dos/as particulares).

Fronte a uns sábados a extinguir por non ser operativos, CCOO e UGT están pactando nos Bancos acordos que inclúen custosas contrapartidas pola libranza, e que afectan tamén ás Caixas.

Por unha parte, están cambiando algúns sábados por todas as tardes dos xoves; por exemplo, no BBVA, o persoal pasará de traballar 12 sábados a traballar 25 tardes de xoves. Que os bancos comecen a abrir os xoves pola tarde é unha mala noticia para a sentida reivindicación de librar os xoves nas Caixas.

Noutros casos como o Santander ou o Popular, cambiaron os sábados por un horario flexible sen ningún tipo de control para o 80% do persoal: a xornada extensiva.

Dende a CIG seguimos reivindicando o dereito a ter unha xornada regulada e o dereito a librar os xoves polo serán nas Caixas, cun horario de 8 a 15 horas, de luns a venres. Este é o noso compromiso en materia de horarios.

Sem comentários: