21.11.09

Manifestación da CIG en defensa das Caixas de Aforros Galegas



A CIG vén de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación, o próximo día 4 de decembro en Compostela, para exixir un pronunciamento público, tanto de Caixa Galicia como de Caixanova, contrario a calquera fusión ou constitución dun SIP con entidades de fóra. Nesa mobilización tamén se demandará un pronunciamento semellante do goberno galego e que se recorra a todos os mecanismos legais e políticos para impedir que unha fusión destas características se produza.


Para a CIG, segundo explicou o secretario xeral, Suso Seixo, é imprescindíbel que se modifique, de contado, a Lei de Caixas de Aforro de Galiza “para blindar estas entidades ante este tipo de fusións; para que a Xunta de Galiza teña capacidade de veto, non só canto a fusións con entidades de fóra, senón tamén á constitución dun SIP; para que se clarifique cal ten que ser o papel das caixas de aforro no país; como deben ser os seus órganos de dirección e xestión e que non continúen a facer unha política especulativa, cando tiñan que centrarse en apoiar o tecido produtivo”.

Punto de partida para mobilizacións sociais máis amplas

A CIG concibe esta primeira mobilización como o punto de partida dunha mobilización social de carácter máis amplo. Neste sentido, Seixo explicou que “estamos obrigados a abrir un debate en profundidade sobre o futuro modelo, sobre a necesidade de ter un sistema financeiro público, unha banca pública galega, e sobre o papel que teñen que xogar as caixas de aforro galegas”.

O secretario xeral da CIG advertiu que, de non facerse así, “corremos o risco de caer en erros pasados e permitir que quen dirixa a economía do país sexa de novo o capital financeiro, coas graves consecuencias que iso tivo e a crise económica que xerou”.

O menor impacto posíbel sobre o emprego

A CIG entende que, a estas alturas do debate, é inevitábel que se produza unha fusión, xa que tanto o Banco de España como o FROB están forzando ese camiño. Ante esta situación, a central aposta porque se produza entre as caixas galegas e co menor impacto posíbel sobre o emprego. “Non pode haber despedimentos masivos, nin pode haber solucións traumáticas, nin co emprego directo, nin cos traballadores e traballadoras das empresas de servizos que traballan para estas entidades”, subliñou Seixo quen matizou que “calquera fusión coas caixas de fóra provocaría unha maior perda de postos de traballo”.

Xuntanza co Presidente da Xunta

O próximo venres día 27 de novembro, o Presidente da Xunta reunirase cos secretarios xerais das organizacións sindicais para coñecer a súa posición respecto da fusión das caixas galegas e para informar sobre o posicionamento do goberno galego sobre este tema.

Unha xuntanza que para Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG –que compareceu xunto a Seixo na rolda de prensa- chega tarde.

Montero lembrou que xa no mes de xullo a CIG mantiña que o futuro das caixas galegas debería decidirse cun amplo consenso social, político e sindical e que o Presidente da Xunta tiña que liderar ese consenso. O atraso na toma de posición do goberno galego permitiu “que se xerase unha grande incertidume e especulacións públicas en torno ás caixas de aforros que non foi positivo, nin para as propias caixas, nin para os/as traballadores/as. Teríamos evitado un espectáculo como ao que estamos asistindo e a un reforzamento das posicións localistas e personalistas”, engadiu.

O secretario nacional da federación de Banca lamentou, ademais, que fora necesario mobilizar aos delegados/as das caixas e mesmo convocar unha concentración, hai unha semana, diante da consellaría de Facenda, para que finalmente se chegara a adoptar esta decisión. “Un dos nosos obxectivos está cumprido” dixo en referencia á xuntanza convocada primeiro cos sindicatos, pero que logo seguirá coas organizacións políticas e sindicais, “porque é a primeira vez que se produce un feito así no panorama de fusións que se están a producir en todo o estado español, malia a grande conflitividade laboral que xeraron e están a xerar, porque foron procesos deseñados exclusivamente como meros repartos de poder, deixando o emprego en segunda instancia”.

Malia a satisfacción inicial, Montero advertiu que unha cousa é ser recibidos “e outra que nos escoiten” e adiantou que a federación de Banca da CIG está convocando asembleas entre os traballadores das caixas en todo o país, de cara a posíbeis mobilizacións dirixidas a exixir que se garantan os postos de traballo, a galeguidade e o carácter social destas entidades.

Fusións a dúas bandas

Respecto das noticias que se veñen publicando nestes últimos días sobre unha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid ou a posíbel constitución dun SIP por parte de Caixanova, Montero advertiu do grande custo que tería porque “non é máis que a división, o desguace, a redución e a deslocalización da caixa de aforros do Sur de Galiza”.

O secretario nacional de Banca insistiu en que a actual situación que viven as caixas do estado español, e en consecuencia as galegas, non é máis que unha reconversión por decreto do sector, tal e como se advertiu cando, no pasado mes de xuño, se aprobou o Real Decreto que puxo en marcha o FROB. Un Real Decreto que contou, na súa tramitación parlamentaria, co apoio tanto do PSOE, como promotor do mesmo, como do PP. “Daquela pronunciámonos en contra por entender que se trataba dun instrumento que pretendía concentrar as caixas de aforros para a súa posterior privatización”, dixo.

Montero lembrou tamén que posteriormente, no mes de xullo, desde a federación de Banca alertouse do impacto sobre o emprego que tería unha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid, cunha perda aproximada de entre 1.000 e 1.200 postos de traballo.

Esta alternativa, que foi negada no seu momento desde as propias caixas implicadas, parece que se está a valorar novamente. De feito, PSOE e PP están enfrascadas nun debate, acusándose mutuamente de promover fusións con entidades de fóra. Neste sentido, Seixo sinalou que é evidente que a nivel de estado, por parte do PP teñen programado reforzar Caja Madrid con fusións con entidades de Galiza e do Mediterráneo.

Por iso, a CIG non ten moitas expectativas depositadas na xuntanza co presidente da Xunta a próxima semana, e por iso tamén, mantén a programación de mobilizacións de cara a que se preserve o carácter galego, a función social e o emprego nas caixas de Galiza.

Sem comentários: