7.11.09

Encontro de traballo entre a CIG e o BNG sobre futuro das Caixas Galegas.

O venres 6 de novembro duas delegacións da CIG e o BNG reunironse para analizar a situación do sector financeiro galego, nomeadamente o futuro das Caixas Galegas, as delegacións estiveron encabezadas polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo e o voceiro nacional do BNG Guillerme Vázquez que posteriormente compareceron en rolda de prensa.

Para o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, co debate sobre a eventual fusión das caixas “non só se está a xogar co futuro dos postos de traballo directos nas caixas, senón tamén co tecido produtivo galego.”

Seixo denunciou que a crise económica é produto dunha política especulativa e dende a forza sincical que representa sempre se defendeu “unha banca galega pública con control rigoroso financeiro” e non o que aconteceu recentemente con “algúns bancos que recibiron axudas do Estado pero estas axudas non se traduciron en novos créditos a aqueles sectores ou cidadáns que os necesitaban para desenvolver a súa actividade produtiva”.

Para Suso Seixo, “ as caixas de aforro xogan un papel fundamental porque moitos dos créditos pequenos que están chegando a algunhas empresas son concedidos polas caixas e non pola banca privada.”

Tamén se referiu aos postos de traballo que poden estar en xogo e que a CIG cifra en 1500 e 200 oficinas.

O secretario xeral da CIG rematou a súa intervención temendo que en Galiza suceda o mesmo que xa ocorreu noutros estados nos que se comezou “concentrando para rematar privatizando” e apelou ao consenso entre os axentes sociais, forzas políticas e sindicais para non xogar co futuro do sector financeiro galego.

O voceiro do BNG, xa ante os medios de comunicación, dixo que “o BNG é a única forza política que ten apresentado nesta lexislatura unha proposición de lei no Parlamento galego para garantir que o aforro galego se dirixa á actividade produtiva do noso país.”

"O BNG é a única forza política que ten rexistada unha Lei de Caixas no Parlamento no que vai de lexislatura"Asemade, aseverou que, sobre a situación das caixas de aforros galegas, o presidente da Xunta segue sen pronunciarse claramente, a “pesar de que no resto das CC.AA xa se tomou a decisión de blindar as súas caixas”.

Guillerme Vázquez instou tanto ao Partido Popular como ao PSOE a dicir o que realmente queren facer coa fusión das caixas galegas e avanzou que de producirse esta con entidades foráneas “veremos como o aforro galego beneficia a outras comunidades”.

BNG e CIG coincidiron en salientar a grande preocupación que existe tanto nesta forza política como na sindical sobre os efeitos que poida ter calquer movemento, sobre o emprego. Insistiron na postura de que “o debate non está nunha caixa ou dúas e que pola contra, o debate céntrase en se son galegas ou non”.

Suso Seixo advirte que "noutros Estados o proceso comezou con fusións e rematou en privatizacións"No caso de producirse a fusión con caixas de fóra, Guillerme Vázquez afirmou que “estamos pola fusión das de dentro e si hai alianzas coas de fora, nós optamos polas galegas e non nos cansaremos de repetilo”. “Entre a fusión dentro e a fusión fóra, estamos pola fusión dentro; entre a alianza dentro e a alianza fóra, estamos pola fusión dentro”, recapitulou. Engadiu que o presidente da Xunta non explica se vai exercer as súas competencias para orientar algunha das posíbeis solucións que están sobre a mesa.


Sem comentários: