29.10.09

A CIG presenta un estudo sobre o impacto da fusión e anuncia que non admitirá un só despido

No medio do intenso debate sobre o futuro das Caixas de Aforro galegas e as posíbeis saídas, a CIG vén de presentar un informe sobre o impacto que tería a hipotética fusión de Caixa Galicia e Caixanova sobre o emprego. Os datos tirados do documento revelan que a medida crearía un excedente de persoal que superaría os 1.500 traballadores e traballadoras en Galiza, sen contar a incidencia sobre os postos indirectos nin os centros do resto do Estado. Fronte a estes resultados, a CIG quere deixar moi claro que non vai tolerar nin un só despedimento derivado dunha fusión, realizada ademais en termos políticos e obviando a participación das organizacións sindicais neste proceso.


O secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, foi o encargado de presentar os resultados do informe sobre o impacto que tería a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova sobre o emprego en Galiza. Montero subliñou que, unha vez analizadas as cifras, descóbrese que dunha hipotética fusión resultaría un “excedente” de traballadores/as que acadaría ás 1.500 persoas en todo o País, iso sen contar co impacto que tería sobre o emprego indirecto xerado polas Caixas (limpeza, mantemento, empresas subministradoras, etc.), nin os datos derivados dos peches das oficinas no resto do Estado.

En Galiza coinciden na mesma localización máis de 400 oficinas das dúas entidades. Destas, a CIG-Banca estima que poderían pechar 240 (62 en Pontevedra, 70 en Ourense, 59 en A Coruña e 16 en Lugo), ás que habería que engadir as oficinas propias dos servizos centrais territoriais. En total, xeraríase un “excedente de persoal de 817 traballadores/as.

A estas cifras hailles que sumar as perdas dos Servizos Centrais, que na actualidade ocupan a unhas 1.600 persoas, especialmente nas cidades de Vigo e A Coruña, que a Federación de Banca estima nun 40%, deixando fóra o persoal de empresas auxiliares como CXG ou CISER. En total, uns 680 empregos menos.

Prexubilacións

A respecto das posíbeis saídas para este “excedente” de traballadores/as, Montero referiuse a unha “reconversión branda” baseada nun proceso de prexubilacións, polo que o seguinte paso da investigación consistiu en pescudar a pirámide poboacional do persoal. O resultado indica que a fusión sería un proceso menos traumático nas provincias de Lugo e A Coruña, ao contrario que en Pontevedra e Ourense, aínda que en ningún caso as xubilacións anticipadas darían cobertura a todo o persoal “sobrante”.

Falta de transparencia

Diante das noticias e dos debates xerados nunha cuestión tan transcendente para o noso País como é o proceso de concentración e privatización do modelo de Caixas de Aforro, o secretario da CIG-Banca criticou a falta de transparencia e a ocultación das conversas mantidas entre as entidades, a Xunta e as asociacións empresariais, que levan a pensar que o único do que se está a falar “é do reparto de poder, sen avaliar as consecuencias para o emprego”.

“Entendemos que o emprego ten que estar por riba da mesa. A posición da CIG é contraria as fusións no sector, porque contribúen a unha concentración do poder político e económico, pero tamén teñen un impacto sobre o nivel de emprego e mesmo sobre a cohesión social e territorial do País”, afirma Montero.

Neste senso, aclarou que a central nacionalista non defende as posicións personalistas e localistas, pero entende que calquera fusión ou medida que implique ás caixas galegas debe contemplar a necesidade de camiñar cara a unha cohesión territorial tanto no reparto da sede central ou da Obra Social como nunha defensa dos postos de traballo.

“Neste momento existen tres alternativas para o futuro das Caixas (seguir como até agora, fusión con entidades de fóra do País ou entre entidades galegas) e a Xunta está chamada a liderar este proceso, ten que traballar na procura do máximo consenso posíbel a nivel político, social e sindical. E neste momento non se ten en conta á representación sindical”, criticou.

Solicitude de reunións co goberno

Así ,a CIG lanzou un chamamento á Xunta e ao presidente do Goberno galego para que lidere o consenso na busca dunha posíbel saída e faga copartícipes aos sindicatos e aos sectores implicados nas caixas de aforros. Deste xeito, a central ten solicitada unha reunión coa Consellaría de Facenda e a de Económica para á que aínda non recibiu contestación. “Parécenos inaudito este silenzo por parte da Xunta, sobre todo cando as traballadoras e os traballadoras das caixas temos representación nos órganos de goberno e mentres Feijoo non vai ter que votar na asemblea xeral a favor ou en contra dunha fusión, os representantes sindicais si o farán”.

A CIG rexeita claramente a fusión cunha caixa allea a Galiza, pero non vai tolerar nin un só despedimento derivado da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, por unha decisión meramente política e non fundamentada na situación das entidades (tal é como se vén asegurando publicamente).

1 comentário:

Anónimo disse...

Pero queredes fusión ou non?