8.5.09

As melloras en materia de xornada e vacacións no aire

Historicamente, froito de 30 anos de traballo sindical, os traballadores e as traballadoras de Caixa Galicia tivemos unhas condicións laborais superiores as do Convenio Colectivo Estatal, recollidas basicamente en dous acordos: Regulamento de Préstamos e Anticipos e no Regulamento de Presenza no Traballo.

Máis recentes son outros acordos en vigor, como o denominado Acordo Social ou o Acordo do SRV. Tamén está vixente o Regulamento de Préstamos e Anticipos.

Pero o Regulamento de Presenza venceu no ano 2007 (a CIG anticipouse e remitimos a Persoal a nosa Plataforma con anterioridade). Dende ese ano calquera tentativa de negociación non foi adiante, polo bloqueo da “maioría sindical estatal”. Unha decisión errada que levounos a ter que negociar agora no peor dos momentos.

O día 7 de maio tivo lugar unha reunión de RRHH con toda a representación sindical; dende a empresa transmitiuse que o momento económico e laboral esixe “mesura” pola parte sindical.

Todo o que ten que ver con permisos e licenzas queren incluílo na negociación do Plan de Igualdade (a negociación deste Plan tamén leva “aberta” máis dun ano).

Presenza no Traballo quedaría reducido a Vacacións, xornada e substitucións. Pero a Caixa anuncia que non se pode tocar xornada, que en substitucións só queren falar das condicións do persoal que queda nestes equipos, e que poderíamos falar de incrementar vacacións ligadas á desaparición paulatina do “premio por 25 anos de servizo”.

A Plataforma da CIG achegaba solucións a algunhas das cuestións que nos últimos anos motivaron unha certa conflitividade (os acordos individuais de xornada partida, horas extras ilegais, etc). Sen ir máis lonxe, hai un mes a Caixa foi sancionada novamente por horas extras ilegais en Pontevedra.

Pero tamén reivindicabamos avances, por exemplo non renunciamos a falar da redución de xornada laboral, da redución do número de xoves polo serán que debemos traballar polo Convenio Estatal.

Trataremos de seguir negociando o Regulamento de Presenza no Traballo, para seguir disfrutando dunhas condicións superiores as do Convenio Estatal. Non consentiremos que rachen o marco normativo conseguido despois de 30 anos de loita sindical en Caixa Galicia.

Sem comentários: