5.3.09

Nova mobilización en Ourense


Por segundo xoves consecutivo, a CIG concentrouse diante da oficina principal da Caixa Galicia en Ourense para denunciar a política laboral desta Caixa de Aforros, e contra o peche de centros de traballo e os recortes no emprego. Durante a concentración, coñeceuse un novo peche de 2 centros de traballo, desta volta en Compostela.

A media mañá do día 5 de marzo, delegados e delegadas da CIG concentrábanse como xa fixeran o xoves 26 de febreiro na central de Caixa Galicia en Ourense, despois de que dende o Departamento de Recursos Humanos da Entidade se comunicase, o pasado mes de febreiro que, malia o peche de oficinas e a rescisión de contratos temporais, o cadro de persoal estaba sobredimensionado.

Durante a concentración, coñeceuse o peche de outros 2 centros de traballo en Galiza, desta volta en Compostela, no que o Sindicato nacionalista xa cualifica como unha reconversión encuberta.

Dende a CIG denuncian que 16 centros de traballo na provincia de Ourense teñen 1 só traballador/a, incumprindo o regulado no Convenio do sector de Aforro, que establece como mínimo 2 persoas por oficina. Así mesmo, as equipas de substitucións pactadas a nivel interno son inexistentes, cando deberían estar dotadas con 10 persoas mais. En total, e tendo en conta tamén a carga media de traballo por terminal operativo, nestes momentos habería unha dotación de 35 persoas menos das precisas.

Pero aí non queda todo, a CIG e Caixa Galicia pactaron un proceso de xubilacións a tempo parcial, tanto para facilitar a saída do persoal máis antigo da empresa como para regularizar a situación do persoal con contratos temporais, xa que con esta modalidade a empresa obrigase a contratar un novo traballador/a “relevista” para substituír á persoa que se xubila.

Agora a empresa está utilizando este proceso de xeito fraudulento para reducir persoal. Un total de 25 persoas en Ourense acolléronse a estas xubilacións nos últimos anos, pero Caixa Galicia xubila en Ourense e contrata fóra de Galiza.

Malia estes incumprimentos e recortes, a Dirección sigue dicindo, sen argumentar e sen ningún dato ou estudio, que sigue sobrando persoal, pero sen concretar canto nin as medidas a tomar. A información e a negociación é nula.

Dende a CIG denuncian que a falta de persoal estase a suplir cun gran esforzo dos traballadores e traballadoras, o que está a producir un número, cada vez maior, de baixas por enfermidade, debido á presión laboral e ás longas xornadas laborais ilegais.

Denuncian tamén que Caixa Galicia, despois de recibir unha inxección de liquidez de 782 millóns de euros por parte do Goberno central (130.000 millóns das antigas pesetas), está acometendo agora unha reconversión e destrúe emprego en Ourense inicialmente, pero tamén noutras partes de Galiza.

Dende a CIG anuncian que continuarán coas mobilizacións en vindeiras datas.

1 comentário:

ANGEL CRISTO disse...

estamos dirixidos por groucho, harpo e zepo MARX, A TOLERÍA POR BANDEIRA E SON SENTIDO POR EQUIPAXE.

BENVIDOS SRAS E SRES O CIRCO DE CAIXA GALIZA O ESPECTACULO ESTA SERVIDO.

SO FALTA A MULLER BARBUDA DO RESTO TEMOS DE TODO. DOMADORES LATIGUEIROS, PAYASOS, MAGOS QUE QUITAN MERDA DA CHISTEIRA,,,