7.10.08

Mobilizacións en Europa contra a xornada laboral de 65 horas, tamén na Galiza



O 7 de outubro, traballadores e traballadoras de toda Europa estaban convocados a mobilizarse contra a ratificación da Directiva das 65 horas. En Galiza, a CIG convocou asembleas e concentracións en 8 comarcas.

A Directiva de Tempo de Traballo, aprobada polo Consello de Ministros de Emprego da Unión Europea o pasado mes de xuño, debe ser ratificada agora polo Parlamento Europeo.

Esta Directiva modifica a actual xornada máxima semanal e redefine o concepto “tempo de traballo”, introducindo dúas novas categorías:

Tempo de atención continuada: Período no que o traballador ou traballadora ten a obriga de estar dispoñible no centro de traballo.

Período inactivo do tempo de atención continuada: Período no que o traballador ou traballadora está dispoñible no centro de traballo, pero que non é requirido pola empresa para realizar traballo efectivo.

Por outra banda a Directiva consagra e xeneraliza a cláusula opt-out, pola que se establecen supostos de renuncia á actual duración máxima do tempo de traballo semanal de 48 horas semanais, establecéndose unha xornada de 60 horas con carácter xeral e de 65 horas semanais nalgúns casos. Facilitando os acordos individuais para alongar a xornada de traballo.

Para evitar que saia adiante esta Directiva o movemento sindical europeo mobilízase o 7 de outubro ao longo do continente, tamén en Galiza. A CIG convocou asembleas e concentracións en Lugo, A Mariña, A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Sem comentários: