19.9.08

Xubilacións anticipadas a tempo parcial 2009

Na primeira reunión que mantivemos con RRHH como inicio deste novo curso sindical, fixemos fincapé na necesidade de continuar coas xubilacións anticipadas a tempo parcial durante o ano 2009, ano no que 90 persoas poderán acollerse a estas xubilacións por cumprir os 60 anos de idade.

Por parte de RRHH indicóusenos que traballan neste momento nos orzamentos correspondentes ás xubilacións anticipadas 2009, para pasarlle o conseguinte estudo á Dirección.

Como lembraredes este ano o persoal que cumpría os 60 anos ao longo do 2008 puido xubilarse no mes de febreiro.

Dende a CIG, de cara ao ano 2009, defendemos que o persoal poda acollerse cando cumpra os 59 anos, reivindicación desbotada pola Caixa debido a que supón un “gran incremento dos custes”.

Como argumentamos no seu día este proceso é rendible para a Caixa, os números cantan, polo que pensamos que sería factible que o persoal marche con 59 anos e incluso con 58. En todo caso seguiremos defendendo esta posición.

Por último fixemos fincapé na necesidade de manter o proceso máis alá de 2009, como xeito de dar saída ao persoal máis antigo e para regularizar as persoas con contrato temporal. Por parte da empresa contestouse que seguirán co proceso sempre que sexa factible.

En todo caso nunca poderemos compartir que se utilicen estas xubilacións para reducir aínda máis o persoal das oficinas de Galiza, contratando as persoas con contrato de relevo para as oficinas da expansión.

En definitiva, agardamos que se aproben as xubilacións anticipadas a tempo parcial para o ano 2009 que, en caso de aprobarse, en principio serían para o mes de xaneiro.

Seguiremos informándovos.

1 comentário:

Que se vaian!! disse...

Que a manteñan ata o 2010, polo amor de Deus, que Méndez cumpre daquela os 65 anos!!!