3.7.08

Asemblea Xeral Caixa Galicia 2008

O pasado sábado día 28 de xuño tivo lugar a Asemblea Xeral 2008, o máximo órgano de goberno de Caixa Galicia ao que lle corresponde, entre outras cuestións, a aprobación se procede da xestión correspondente a cada exercicio económico, neste caso a do exercicio 2007.

Na súa intervención o Director Xeral fixo un discurso triunfalista sobre a xestión correspondente ao exercicio 2007, así como das oportunidades que se abren para o país e para Caixa Galicia derivadas da actual situación económica xeral. Subliñou o medre do volume de negocio da empresa e dos beneficios, así como os numerosos premios recibidos pola Caixa grazas a súa boa xestión dos recursos humanos.

Esta visión triunfalista e pouco realista, tanto da situación económica como do clima laboral, tivo a súa contestación na nosa intervención a través do compañeiro Clodomiro Montero.

Na primeira parte da súa intervención destacou a coincidencia co discurso realizado polo Presidente da Entidade que subliñou que o accionariado da Caixa de Aforros de Galicia é toda a sociedade e que o dividendo das Caixas é a súa Obra Social. Posición que compartimos e que dixemos agardamos continúe vixente para os vindeiros anos.

Continuou lembrando que a CIG votara en contra da xestión correspondente ao exercicio 2006, unha decisión atinada a vista de posteriores acontecementos, dando paso a unha parte dedicada á xestión económica do exercicio 2007, parte que debe quedar no propio órgano de goberno ao que ía dirixida.

Posteriormente a intervención, como a realizada o ano pasado, centrouse na situación laboral:
Recoñecemos que a situación laboral durante o exercicio 2007 mudou en comparación co ano 2006... para peor.

O acoso laboral e os malos modos convertéronse nunha constante nas relacións laborais en Caixa Galicia.

Denunciamos que mentres se reduciu persoal na rede comercial, medrou de xeito desproporcionado unha burocracia interna que afoga o traballo da propia rede comercial.

Esta situación levou a realización de milleiros de horas extras ilegais, que a Caixa non paga ao persoal nin cotiza á Seguridade Social. Denunciou deste xeito que a Caixa prefire pagar as sancións que lle impuxeron as Inspección e Traballo que pagarlle ao persoal.

Amosamos tamén a preocupación polo elevado número de baixas por enfermidade derivadas da excesiva presión comercial. Pensamos que ningún resultado económico debe basearse sobre a saúde dos traballadores e traballadoras.

Por último pedimos un recoñecemento aos homes e mulleres da rede de oficinas e dos servizos centrais, os verdadeiros artífices dos resultados da Caixa nunhas circunstancias cada vez máis difíciles e adversas.

Despois da intervención os representantes do persoal elixidos co aval da CIG abandonaron a sala nun acto de protesta simbólica.

En definitiva quedou clara a posición da CIG contraria á privatización da Caixa; a nosa aposta por outro modelo de xestión, sostible e non especulativo, evitando polo tanto riscos innecesarios; e a nosa defensa de outro modelo de relacións laborais baseado no respecto á nosa dignidade e profesionalidade e no recoñecemento do esforzo que realizamos día a día os traballadores e traballadoras da Caixa de Aforros de Galicia.

Sem comentários: