25.4.08

Plan de Igualdade, unha diagnose incompleta

Hoxe a empresa presentou á representación sindical a diagnose sobre a situación da muller en Caixa Galicia, elaborada pola empresa AENOR. Desgraciadamente esta empresa non estivo presente durante a presentación do documento, polo que non puido contrastar cos representantes legais dos traballadores e traballadoras a situación real das mulleres na Caixa.

Como dixemos anteriormente os sindicatos coñecemos moito mellor que calquera empresa externa cal é a situación da muller na Caixa.

Por outra parte AENOR propuxo a realización dunha enquisa para coñecer a percepción das mulleres, pero Caixa Galicia preferiu non facela dando por sentado cal sería a resposta das compañeiras.

En todo caso a diagnose recoñece a discriminación das mulleres en canto a promoción profesional, en consonancia co informe elaborado pola CIG e que publicamos o día 8 de marzo. Neste senso AENOR propón que o Plan de Igualdade recolla medidas de discriminación positiva ligadas á carreira profesional.

Sen embargo, inexplicablemente e malia recoñecer a existencia desta discriminación, a diagnose non analiza as diferenzas retributivas entre homes e mulleres, e como o escalado dos distintos complementos funcionais amplían a fenda entre as retribucións dos homes e das mulleres.

Para entendernos, o teito de cristal da carreira profesional das mulleres está situado nos postos de subdirección. Máis alá da diferenza de categoría, o escalado do Salario Mínimo Garantido ou da retribución variable, amplía a diferenza nas retribucións entre un posto de dirección e un posto de subdirección.

Por outra parte, se o Convenio establece un só grupo profesional co argumento de que as funcións realizadas dende o nivel I ao nivel XIII son similares, non ten sentido o actual escalado dos complementos funcionais. Na nosa opinión deberían subir os complementos dos postos máis feminizados (subdireccións).

Na diagnose tampouco se aborda a situación das mulleres nos postos de nova creación que non están regulados na Clasificación de Oficinas, o cal é indispensable.

En definitiva, solicitamos que se amplíe a diagnose nunha serie de puntos, pero vemos pouca intención de poñer en marcha un Plan de Igualdade e moito interese en conseguir a “Marca Galega de Igualdade”.

1 comentário:

Anónimo disse...

¿Será o momento dunha manifestación na rúa nova onde "elas" collan o megáfono e berren polos seus dereiros? (sempre co apoio de "eles", naturalmente)
Observo que AENOR tampouco recolle a Conciliación coa vida familiar. A Caixa non debe ter cartos para "comprar" mellores panfletos.