27.11.07

Nova sanción da Inspección por incumprir a xornada

A Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra vén de levantar acta de infracción contra Caixa Galicia en materia de xornada. Esta sanción únese a acta levantada no seu día en Ourense polo mesmo motivo.

Un compañeiro que asistiu voluntariamente a un curso fóra da xornada laboral solicitou que lle fosen compensadas as horas realizadas, que son horas extras. E a CIG solicitou información sobre as persoas asistentes, a duración do curso e cando pensaba compensar a Caixa esas horas extras.

Hai que subliñar que no Convenio asinado recentemente mantense a xornada en cómputo anual en 1.680 horas, cando na práctica, cumprindo os horarios, establecidos fanse ao redor de 1.560 ao ano. As Caixas manteñen artificialmente alta a xornada en cómputo anual para poder alegar que as reunións e cursos polas tardes non son horas extras. (Tamén para abaratar os contratos de persoal de ETT’s).

Despois de agardar pola contestación da empresa, nin o compañeiro afectado, nin a CIG tivemos contestación, véndonos na obriga de presentar denuncia na Inspección de Traballo, denuncia que se resolveu cunha nova sanción. Como dixemos no Convenio: Traballar polas tardes?, nin os xoves!!!.

Quizais a Caixa prefira pagar sancións que cumprir o horario, sáelles máis barato, pero non deixaremos de denunciar os incumprimentos.

Somos conscientes de que os desorbitados requirimentos comerciais e a falta de persoal están forzando a moitos traballadores e traballadoras a estender a xornada laboral.

Para a CIG a solución pasa por negociar maior dotación de persoal para as oficinas e os equipos de substitucións e regular as cargas de traballo. Nesas andamos.

1 comentário:

Anónimo disse...

Moi ben Compañeiras e Compañeiros da CIG. Lume de carozo. Sodes a nosa última esperanza.