22.11.07

Non é un sprint, é unha carreira de fondo

A Dirección de Caixa Galicia está afeita a facer o que lle peta, nomeadamente durante os últimos dous anos; ante esta situación dende a CIG impulsamos, hai xa un ano, un proceso de asembleas que marcou todo o traballo que estamos a desenvolver. Non foi ata que anunciamos a inminente convocatoria de folga e a presentación dun conflito colectivo contra o SRV que a empresa estivo disposta a negociar.

Como primeiro punto na negociación abordouse todo o relativo ao SRV, toda vez que o vindeiro día 27 de novembro está previsto un novo acto de conciliación no Ministerio de Traballo. Se queriamos evitar que o conflito chegara a Audiencia Nacional era preciso chegar a un acordo sobre esta cuestión.

Cada vez que a Caixa realizou cambios no SRV (é dicir sobre o noso salario), solicitou un informe previo a cada un dos sindicatos. Houbo quen nin sequera informou ante cada un dos cambios realizados nas nosas retribucións e agora asinaron lixeiros e veloces o primeiro texto que a empresa lles puxo por diante.

Outros sabemos o traballo sindical que fixemos para conseguir todas e cada unha das medidas aprobadas. O traballo sindical non é un sprint, é unha carreira de fondo e como todos e todas sabemos a Dirección non regala nada.

A solución ao actual deterioro laboral ten que vir por forza a través da negociación, unha negociación na que os sindicatos, conscientes da gravidade da situación laboral, debemos actuar coa máxima responsabilidade.

En todo caso, estimamos conveniente a convocatoria de Asembleas de traballadores e traballadoras de Caixa Galicia para que todos e todas sexades partícipes das decisións que teñamos que tomar. O voso apoio ás medidas de presión propostas permitiron que se abrise a negociación, hoxe tedes máis dereito que nunca a participar na toma de decisións.

Estamos nun momento decisivo. Coa negociación podemos solucionar a grave situación laboral que padecemos, pero para iso é preciso que participedes activamente nas asembleas para que a Dirección vexa que as cousas non están ben e que debe facer un esforzo para melloralas.

1 comentário:

Anónimo disse...

Aviso importante aos de CCOO, ante as mensaxes que enviades todos os días preguntome: si non vos gosta este espazo, para que entrades constantemente nel?

Gostavos que nos fagan sufrir as empresas (aos traballadores) e gostades de que vos fagamos sufrir. Sodes masocas?