24.9.07

Aproban suba salarial para os deputados do Congreso por riba do IPC, indemnizacións e plans de pensións privados

A Mesa do Congreso en Madrid aprobou este mércores os presupostos desta Cámara na que se inclúe unha subida salarial do 3,5% para os deputados. A maiores apróbase tamén unha indemnización por cese para todos aqueles deputados con máis de dous anos neste exercicio representativo que non continúen na seguinte lexislatura.

As dúas medidas contradín a política de austeridade que con tanto rigor e sistemática se ven aplicando por exemplo no salario dos funcionarios públicos, con incrementos repetidos do 2%. Contradí tamén a política de Acordos Confederais para a negociación colectiva, acordada nestes últimos anos entre a CEOE e os Sindicatos CCOO e UGT, e na que participaron por igual como mestres de cerimonia os distintos Gobernos de PP e PSOE, e nos que se reproduce unha lóxica de contención salarial para a clase traballadora que percibe normalmente unha retribución ata 4 veces inferior ao salario dos deputados.

A maiores increméntase tamén a dotación para o Plan de Pensións aprobado o ano pasado e na mesma porcentaxe do 3,5%. Un Plan de Pensións privado como complemento agregado ás cuantiosas pensións xa no límite de cotización da Seguridade Social. Tamén contrasta esta medida de beneficio corporativo coas diferentes reformas das pensións públicas que sucesivamente foron dificultando o acceso a esta prestación e diminuíndo as cantidades de ingreso para a clase traballadora. Unha pensión privada para os representantes públicos e co diñeiro do Estado.

Política de privilexios

Para a CIG esta proposta da Mesa do Congreso, de incremento e indemnización para os deputados na Cámara do Estado, delata unha ausencia de sensibilidade social e unha preocupante actitude corporativa de casta, na que se privilexian e se premian aqueles que teñen a responsabilidade de lexislar para todos, de facer unha política máis solidaria, de xustiza social e dun reparto máis xusto da riqueza.

Estas medidas adoptadas pola Mesa da Cámara nun intre no que a economía da clase traballadora e o seu poder adquisitivo está seriamente ameazado pola suba dos productos básicos de alimentación, dos carburantes e das hipotecas, desacredita a aqueles representantes políticos que non teñen a humildade de observar para eles a mesma disciplina, contención e austeridade que impoñen para os seus administrados.

Por isto, a CIG demanda a retirada deste incremento e que se adapten os incrementos ao IPC previsto, que se retiren as indemnizacións porque non corresponden a ningún cese por despedimento (todos os deputados teñen reserva obrigatoria do seu posto de traballo) e que se anule o plan de pensións privado do que se dotaron a eles mesmos arbitrariamente.

2 comentários:

Anónimo disse...

As retribucións dos políticos e dos empresarios suben sen parar mentres nos piden contención salarial aos traballadores/as.

A alta Dirección da Caixa subiuse un 24% o salario e a nos un 2%. A parte dos pelotazos na bolsa (Yago e Jose Luis JR).

Multiopticas dixo disse...

Se conta que no ano 2006, os "delfíns" de Papá Noel Menéndez(vos xa entendedes) gañaron invertindo con cartos que non eran deles 5 millóns de euros cada un.

Mario Conde foi a cadea por utilizar información bursatil privilixeada.

¡¡¡Touriño-Quintana!!!!!! para onde mirades que non vos enterades de nada.