8.5.07

Din que as caixas van ben, pero piden recortes salariais

Mobilización da CIG en Pontevedra polos convenios de bancos e caixas

Na reunión do Convenio estatal do día 8 de maio abordamos un dos puntos fortes en calquera negociación: os salarios.


Os anteriores convenios estableceron un marco laboral que está a permitir un incremento desmesurado, inmoral e sen precedentes dos beneficios, en tanto empeoraron as condicións laborais incrementándose sen fin as cargas de traballo.


As nosas propostas salariais van orientadas para que sexamos partícipes nunha maior medida dos beneficios que xeramos co noso sobre-esforzo.


Non cabe alegar que pretendemos incrementar os custes das empresas, toda vez que estas non teñen problema en dedicar cada vez un maior volume de recursos para crear unilateralmente complementos ou pluses variables.


Queremos que os incrementos salariais respondan a criterios obxectivos e sexan froito da negociación, non de imposicións.


-Incremento Salarial 2007


IPC definitivo ano 2006 + 3 puntos: 5,70%.
O IPC previsto anualmente polo Goberno é falso; aplicando este indicador adiantamos diñeiro ás empresas. É por iso que propoñemos ligar a suba salarial ao IPC do ano 2006, máis un diferencial que nos permita recuperar poder adquisitivo. Somos conscientes de que a suba dos prezos foi moi superior ao IPC oficial.


-Participación en Beneficios


O actual convenio, no seu artigo 50.2, recoñece o dereito a media paga segundo o nivel de beneficios das empresas. Temos un dereito sobre o papel, xa que incluso nun ano de beneficios históricos como o 2006 non coñecemos ningunha empresa que estivera obrigada a abonar esta paga.


-Eliminación nivel XIII

No pasado convenio creouse un novo nivel que se aplica ao persoal de nova entrada, pero tamén na contratación temporal. Este nivel ten un salario un 20% inferior ao anterior Auxiliar de entrada. A creación deste nivel foi un dos motivos polos que a CIG non asinou o convenio definitivo.

Estamos ante un recorte no salario do persoal que ten como fin abaratar os contratos vía ETT burlando a lexislación e fomentando esta contratación abusiva no sector.
Pola súa parte, as empresas recoñecen que as caixas van moi ben, pero piden recortes salariais. Neste senso, continúan defendendo a eliminación da antigüidade, transformándoa nunha retribución variable, entre outras cuestións. Isto foi rexeitado de plano pola CIG, xa que sería transformar salario fixo en salario incerto.


A próxima reunión será o 29 de maio, na que se falará de Carreira Profesional.

1 comentário:

o solidario dixo: disse...

Propoño facer unha colecta entre os empregados/as e clientes do sector e crear un "fondo de penuria" para os pobres empresarios de caixas de aforros que tan mal o están a pasar.
fillosdedezpaisetrintacans.