5.2.07

A economía galega pesa un 20% menos que en 1980

Nos últimos vintecinco anos o peso da economía galega no conxunto do Estado se reduciu nun 20%. Esta é unha das principais conclusións ás que chega un estudo do profesor da Universidade de Vigo, Santiago Lago, en colaboración co seu irmán, Ignacio Lago, titulado Vinte e cinco anos de autonomía en Galicia: mudanzas políticas e económicas.
.
O estudo asegura que vivimos mellor que en 1980, pero en comparación, Galicia tiña máis peso dentro da economía española que na actualidade. “Melloramos, pero os demais melloraron máis ca nós”, explica o autor do estudo, Santiago Lago. En 1980 o PIB galego supoñía o 6,4% do estatal, mentres que no 2005 tan só significa o 5,1%.No mesmo período, Galicia perdeu un importante peso demográfico pasando de ter o 7,4% da poboación en 1980 a tan só o 6,3% do total estatal no 2005. A renda media por habitante tamén é peor agora que en 1980. Se naquel ano un galego tiña de media o 86,6% da renda española, no ano 2005 cada galego ten o 81% da renda media española. Lonxe de converxer, os datos do estudo indican que a economía galega afástase cada vez máis da española. “Se a poboación galega medrase tanto como a española dende a segunda metade dos anos noventa, de xeito que mantivese a súa cota de poboación (6,9%), en 2005 teríamos un PIB per cápita galego que caería até o 73,9% da media estatal”, conclúe Santiago Lago.Segundo Santiago Lago, a menor capacidade de desenvolvemento de Galicia explícase polo mal investimento dos cartos públicos e das políticas levadas a cabo polo noso autogoberno. Para corrixir estes desequilibrios as políticas económicas deberían orientarse cara o fortalecemento de determinados sectores, algúns deles maltratados durante anos, tal e como explica o propio Lago: as actividades alimentarias derivadas do mar e a gandería, o complexo forestal-industrial orientado á obtención de madeira e biomasa, os minerais non metálicos, a automoción, o sector naval, os servizos de loxística, a confección, a xeración eléctrica e algúns sectores da industria química. “Até agora houbo moita dispersión de esforzos. Cómpre potenciar aquilo no que somos especialistas e sabemos facer ben. Non é posíbel potenciarmos a un tempo todas as actividades, liñas de investigación ou especialidades formativas. Non é eficiente espallar os recursos entre todas as empresas”, Santiago Lago.
.
Artigo tirado de A Nosa Terra

1 comentário:

Anónimo disse...

un pouco espeso compañeiro. O sinto