4.11.10

Facendo fronte ás decisións da Dirección


Malia o peche en falso da negociación, temos claro que o peor do proceso de reestruturación está por vir, e que o conflito laboral non fixo máis que comezar. Non estamos parados, nin moito menos, e a maiores das asembleas que estamos celebrando, temos en marcha medidas de presión contra as Direccións.

Requirimento da Inspección de Traballo

Con carácter previo ao inicio das negociacións, presentaramos unha denuncia ante a Inspección de Traballo relativa a falta de información sobre o impacto laboral da fusión. Recibimos agora, con meses de retraso, contestación da Inspección de Traballo indicándonos que requiriron ás Direccións de Caixa Galicia e Caixanova para que faciliten a información pertinente, lembrándolles a Inspección o deber de informar á representación sindical.

Ante esta contestación favorable da Inspección, agardamos recibir de ambas empresas información das oficinas afectadas polos peches, os departamentos de servizos centrais que tamén se verán afectados e as oficinas en venda.

Mobilizacións en Caixanova e Caixa Galicia 28 outubro, 2 e 3 novembro


O ERE das Caixas será un argumento para poder presentar ERE’s extintivos nas empresas auxiliares e de servizos.

Nestes momentos estamos deseñando un calendario común de mobilizacións con estes compañeiros/as, para facer fronte ao proceso de desmantelamento, liquidación, venda e privatización das Caixas que afecta a uns e a outros.

Así mesmo, o día 3 de novembro a CIG manifestouse en Santiago contra os orzamentos da Xunta de Galicia que contemplan recortes en servizos básicos como educación, sanidade e en todas as parcelas de servizos sociais.

Nesta mobilización estivemos presentes as Seccións Sindicais da CIG en Caixa Galicia e Caixanova, concentrándonos diante da Xunta de Galicia con pancartas contra o desmantelamento, liquidación, venda e privatización das Caixas.

Sem comentários: