2.11.10

Dependentes de quen?

Algunhas persoas ata o de agora vinculadas á CIG, convocaron unha Asemblea de traballadores/as na Coruña, na que anunciaron a creación dunha asociación independente coa que pensan concorrer ás eleccións sindicais do vindeiro 24 de novembro na provincia da Coruña.

Nin a nosa organización, nin moitos afiliados e afiliadas, nin moitos dos seus compañeiros e compañeiras de centros de traballo, eran coñecedores ata onte, xa aberto o prazo de presentación de candidaturas, da súa intención de presentarse como “independentes”. Había rumores, nunca confirmados por esas persoas. Un feito que fala por si só, non querían que a CIG puidera presentarse ás eleccións sindicais, algo que non conseguiron xa que hai compañeiros e compañeiras da Coruña que seguen na CIG e hai candidatura.

A ninguén se lle escapa que unha ruptura en calquera organización humana non é froito dun día, senón que require un proceso de maduración no tempo. Así sucedeu no seo da Sección Sindical da CIG en Caixa Galicia. Malia que hai que recoñecer que houbo cuestións que polarizaron a situación nos últimos tempos.

A actuación da CIG na mesa negociadora do pacto laboral, a nosa posición como sindicato ao respecto é clara, como clara foi a nosa voz en todo o proceso de fusión e as nosas intervencións na propia Asemblea Xeral. A posición das persoas que marchan deberán explicala elas.

Din que os desencontros se agravaron ante a elección das persoas que representaban á CIG na mesa negociadora, non menten. A nosa organización decidiu non contar para a mesa con algunha persoa que estivera na Comisión de Control do Consello de Administración de Caixa Galicia durante o período no que se fraguou a crise actual. A CIG está demandando responsabilidades dos xestores de Caixa Galicia e dos órganos de goberno, entendemos que esa responsabilidade toca tamén ás persoas que representaban ao persoal, fosen do sindicato que fosen, tamén ás da CIG.

A nosa posición como organización terá custes, pero en circunstancias tan graves como as actuais hai debates que por coherencia non poden agocharse. Os/as que votamos en contra da xestión da empresa nos órganos de goberno, non somos responsables da desaparición da Caixa co tremendo custe laboral que iso ten. Os/as que votaron a favor, incluso en contra da opinión do sindicato, son responsables. Non cabe dúbida de que este tipo de debates son duros no seo de calquera organización e, como non, así foi na CIG.

Por todo isto a CIG aprobou a apertura dun expediente para que se investiguen os feitos e se tomen as medidas oportunas na nosa organización.

Tamén queremos deixar clara que a entrada na Asemblea Xeral dunha persoa vinculada a este grupo, feito do que informaron os medios de comunicación, non foi negociada nin avalada pola CIG, que, polo contrario, votou en contra da cobertura de vacantes por entender que era irregular. Nós non temos ningún acordo coa Dirección da Caixa.

Cada quen pode preguntarse a quen beneficia esta escisión neste momento, está claro que aos traballadores e traballadoras non. En todo caso, a CIG ten un modelo sindical combativo, reivindicativo e mobilizador, un sindicato nacionalista e de clase que está nas antípodas dun sindicato independente. O tempo e os feitos exporán ante os vosos ollos claramente qué defendemos uns e outros, o noso modelo sindical é coñecido de abondo.

Para rematar, agardamos que o vindeiro 24 de novembro haxa eleccións sindicais en todos os Comités de Caixa Galicia na Coruña, que nada nin ninguén impida o proceso.

Sem comentários: