12.11.10

Converten a tramitación do ERE nun top manta.

O día 11 de novembro, ambas Caixas reuniron aos representantes dos traballadores/as para iniciar o ERE, na reunión todos os delegados gardaron silencio, agás os da CIG que tamén falaron claro no exterior concentrándose na porta do local.

Todos delegados e delegadas das Seccións Sindicais da CIG en Caixa Galicia e Caixanova asistimos á reunión e previamente concentrámonos diante do local nunha sonora protesta. A concentración estivo presidida por unha pancarta co lema "Por un plan de futuro negociado para as Caixas de Aforros; en defensa do emprego, a galeguidade e o caracter social". Os participantes levaban carteis co lema "Os negocios indecentes que non o paguen os inocentes; Ere extintivo para o equipo directivo".

Presenza de antidisturbios no interior do local onde se presentou o ERE
As Direccións solicitaron a presenza de 20 antidisturbios que estiveron dentro do local no que se ía celebrar a reunión cos delegados/as. Non sabemos cal foi o motivo que levou a Dirección a pedir que os antidisturbios  dentro do local é a primeira vez que negociamos  baixo a presenza de persoas armadas un feito que consideramos moi grave. Non sabemos si trataban de amedrentar aos delegados e delegadas, dende logo non o conseguiron. Neste senso pediremos explicacións ao subdelegado do goberno.

Converten a reunión nun "top manta".

Na reunión, unhas persoas que nin se presentaron, algo que lle dixemos era unha falta de educación, espuxeron que daban inicio ao proceso formal do ERE, que nos puxeramos en cola para recoller un CD, asinando un documento no que dicían que nos facilitaban a documentación que corresponde legalmente (memoria do ERE, plan social, información económica, etc.). Unha vez feita a entrega pretendían levantar a reunión sen máis.

Protestamos formalmente por converter a reunión nunha cola dos delegados/as para recibir un CD (non sabemos se estaban adestrándonos para a cola do INEM).

Solicitamos que se nos fixera entrega da documentación física para poder analizala e comezar a negociación formal do ERE no mesmo acto.

Pedimos que nos aclarasen se o ERE era por causas económicas ou organizativas. Que desen as explicacións legais pertinentes.

Pedimos que se nos explicase a que empresa afectaba o ERE: Caixa Galicia, Caixanova, a ambas ou a unha empresa que aínda non existe.

A resposta con chulería e prepotencia foi que toda a documentación a tiñamos no CD, e que o que procedía era unha nova reunión para o día 17 ás 5:30 da tarde, curiosamente o mesmo día que a CIG ten convocada unha asemblea de traballadores/as na Coruña.

Entendemos que o ERE debe ser negociado e que estamos ante un cúmulo de despropósitos e irregularidades, polo que solicitaremos a mediación da Inspección de Traballo e poremos en coñecemento da Xunta de Galicia e do Ministerio de Traballo as irregularidades na tramitación do mesmo.

Quixeron converter a tramitación do ERE nunha procesión dos caladiños, pero a CIG non llo vai permitir.

Sem comentários: