22.10.10

Alternativas da CIG ante o Pacto Laboral

Hai un pacto asinado si, pero aínda queda camiño por andar. O famoso ERE debe ser tramitado oficialmente e para iso deberá ser sometido aos distintos Comités de Empresa e as distintas Seccións Sindicais. Posteriormente deberá ser aprobado pola Autoridade laboral e poderemos facer alegacións, por último sempre cabe a valoración dun recurso xudicial. Queda o segundo round. Nas eleccións sindicais que están convocadas en Caixa Galicia xogámonos moito máis do que parece: se os resultados mudan a representatividade sindical o ERE pode non ser aprobado.

Malia que as Caixas remitirán o ERE ao Ministerio de Traballo, entendemos que debería contar co informe previo da Xunta de Galicia. En todo caso e á espera da tramitación definitiva, a CIG , anticipándonos ás Direccións, puxémonos en contacto co BNG que interpuxo no Parlamento Galego varias proposición dirixidas ao Goberno Galego.

Estas proposicións están referidas ao impacto sobre o emprego, a que se garanta a voluntariedade real nas medidas ou a que exista un compromiso de que os recortes en emprego directo non sexan utilizados para subcontratar e/ou deslocalizar fóra de Galiza a carga de traballo.

Estamos preparando conxuntamente outras iniciativas, algunha delas relacionada cos desinvestimentos que inclúen a venda de oficinas. Isto non substitúe as actuacións que realizaremos como CIG cando o ERE sexa presentado oficialmente.

Pero a nosa Central sindical tamén ten anunciado que, se o Goberno continúa coa reforma das pensións e non retira a reforma laboral, algo que preocupa nomeadamente aos/ás maiores de 55 anos debido a falta de garantías nas prexubilacións, a CIG avaliará a convocatoria dunha NOVA FOLGA XERAL aínda que teñamos que facela en solitario e por suposto sen agardar a que a reforma estea aprobada. Debemos reivindicar garantías, pero o primeiro é loitar contra as reformas.

Do mesmo xeito estamos estudando, e queremos compartir convosco, a posibilidade de convocar unha manifestación de traballadores e traballadoras das Caixas que se realizaría un sábado en Santiago para que xuntos podamos facernos visibles. Hai outros sectores afectados incluso por leis xa aprobadas que están dando a batalla, como os compañeiros/as do carbón. Ese é o camiño: defender na rúa os nosos dereitos socializando o conflito. A resignación ou o medo non deberían ter cabida na linguaxe sindical.

Sem comentários: