23.6.10

Loitando polas mellores condicións: mobilización e denuncias

.

Se queremos as mellores condicións para o persoal que quede e para o que marche prexubilado, temos que loitar por elas, ninguén vai a regalarnos nada. Dentro do duro plan de axuste exposto polas Caixas o máis doado é recortar persoal e salarios (os nosos, claro) e nesas andan.

Ante esta situación de anuncio de recortes sen xustificación, temos dado un novo paso mobilizándonos o pasado día 22 de xuño na central de Caixanova en Vigo. Unha concentración na que participaron a CIG e a CGT.

Delegados e delegadas, fundamentalmente de Caixa Galicia e Caixanova, concentrámonos ás 12:00 da mañá diante da Central desta última en Vigo nunha ruidosa protesta.

Así mesmo, a CIG ten presentado denuncias na Inspección de Traballo e na Consellería de Traballo contra ambas entidades. Na mesma liña presentamos alegacións como sindicato ante o Banco de España, xa que consideramos que o proceso está sendo irregular e se incumpre a lexislación laboral.

Que as direccións non faciliten documentación sobre a situación económica, tal e como esixe o Estatuto dos Traballadores, semella ter como fin agochar a situación real das Caixas e que os culpables asuman responsabilidades.

A CIG está en marcha, non pensamos que se deba agardar a setembro para convocar mobilizacións nas Caixas, este é o momento de defender o noso, por iso nos mobilizamos e denunciamos os incumprimentos.

1 comentário:

Anónimo disse...

O mellor é a pancarta de Caixanova: arte na rúa. Sodes uns artistas, adiante coa CIG!!!