4.6.10

Circular conxunta


Onte iniciáronse formalmente os contactos para establecer o marco de negociación e acordo do Pacto Laboral na nova Entidade.

Na reunión presentáronse os representantes das Caixas que estarán na Mesa, catro en total, encabezados polos respectivos Xefes de RRLL e que contarán co asesoramento de dous despachos xurídicos (Sagardoy e P&C-Pradas y Cebrián).

Ante a petición das Caixas dunha proposta sindical de constitución de mesa, presentouse a seguinte:

* CCOO........6 representantes
* CSICA .......4 representantes
* CIG ..........3 representantes
* UGT..........2 representantes
* CGT..........1 representante

Ao mesmo tempo, solicitouse que todas as organizacións vexan incrementada a súa presenza con dous asesores/as na mesa e outras cinco persoas para a preparación dos traballos.

A próxima reunión celebrarase o día 14 de xuño, onde nos presentarán os borradores do proxecto de viabilidade e plan de integración, que se teñen que presentar ao Banco de España o día 15, e que están elaborando as empresas consultoras Deloitte e Price-Waterhouse, coa achega de datos que están elaborando as diversas comisións constituídas polas dúas Entidades.

Este primeiro borrador (provisional e estimativo), debe cuantificar o número global de oficinas que por “solapamento e/ou rendementos negativos” (únicos criterios barallados) está previsto pechar e, ao mesmo tempo, o número mínimo de traballadores/as necesarios para o novo proxecto.

Os datos que están servindo para estas proxeccións son a 31.12.09 e 30.04.10, e a proxección do estudo do borrador a entregar ao Banco de España é de cinco anos (2015).

Tamén se nos manifestou que na comisión que está elaborando os estudos laborais NON se tratou a venta da rede, descoñecendo se o tema se trata noutros ámbitos (en todo caso o día 14 sairemos de dúbidas).

A representación sindical manifestamos preocupación pola presentación do borrador o día 15 ao Banco de España, con só 1 día para que aportemos as nosas alegacións ao mesmo, xa que do mesmo, dependerá moito a negociación da mesa laboral.

Engadimos que, en todo caso, nós, a través das nosas Federacións, presentaremos as alegacións oportunas no Banco de España de non estar conformes co informe-borrador que se presente polas Direccións das Caixas, supeditando o noso voto favorable nos Consellos de Administración a que o proceso finalice cun acordo laboral.

O Banco de España, con toda seguridade, devolverá o primeiro borrador coas correccións que estime oportunas, para que se presente antes do día 30 o definitivo; por este motivo, está prevista una nova reunión o día 29 de xuño coa representación sindical.

Temos o convencemento de que estas dúas datas de xuño son IMPORTANTÍSIMAS para encarrilar as negociacións de homologación, que están previstas iniciar despois da aprobación polos Consellos das dúas Entidades do documento definitivo a presentar ao Banco de España.

Igualmente, solicitouse ás Caixas a constitución dunha mesa paralela de negociación para tratar a situación do persoal que traballa para a Obra Social - Fundación, así como as empresas auxiliares e de servizos, recollendo as Caixas a proposta.

Sem comentários: